DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 9 e 10 nun coloquio coorganizado polas universidades de Vigo e Coruña

Filoloxía e Tradución acollerá a vindeira semana un encontro internacional sobre estudos literarios e culturais

A conferencia plenaria correrá a cargo da profesora da Universitat de Barcelona, Helena González

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Eido
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 02/10/2025

A Facultade de Filoloxía e Tradución volverá converterse este mes en sede dunha nova edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, unha cita que este curso acada xa a súa terceira edición. Será o vindeiro xoves e venres, 9 e 10 de outubro, nun encontro organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.

O evento vai dirixido ás novas investigadoras e investigadores, preferentemente da UVigo e da UdC, mais tamén doutras universidades. Precisamente para favorecer a asistencia da comunidade científica internacional, sobre todo do mundo lusófono, desenvolverase en formato presencial e en liña, o que facilitará a asistencia de numerosos representantes, tanto de universidades portuguesas como brasileiras.

Coordinado polo profesor Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa, a idea é seguir a promover e afondar na cooperación e no diálogo entre as dúas universidades vencelladas ao Programa de Doutoramento en Estudos Literarios e aos diferentes grupos de investigación asociados, así como facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais, tanto en Europa como en América.

Máis de trinta traballos vertebrados en diferentes eixes temáticos

A cita será no salón de graos da facultade a partir das 09.30 horas. A conferencia plenaria, ás13.00 horas, correrá a cargo da profesora da Universitat de Barcelona, Helena González Fernández, investigadora do Centro de investigación Teoría, Xénero e Sexualidade desta universidade. Profesora titular de Estudos Galegos e Portugueses e correspondente da Real Academia Galega, a súa investigación vertébrase arredor da crítica literaria feminista, a cultura popular e a teoría das emocións e, precisamente, sobre estas temáticas xirará a súa intervención: ‘O que as emocións producen. Achegas feministas e queer’. Encargarase de presentala a profesora Beatriz Suárez Briones, coordinadora do programa de doutoramento que organiza as xornadas.

A outra conferencia plenaria será no Instituto Camões, ás 19.00 horas, da man de Joana Videira, da Universidade Nova de Lisboa, que recuperará a figura da poetisa, cronista e tradutora portuguesa Adília Lopes, consideradas unha das autoras de culto portuguesas.

En total daranse a coñecer neste encontro máis de 30 traballos, vertebrados en torno aos diferentes eixos temáticos: Literaturas en lingua española, galega e portuguesa; literaturas comparadas; estudos de tradución; estudos culturais; música; teatro; cinema; artes visuais; experimentalismo e estudos interartes, historia…

Forte presenza da comunidade investigadora brasileira

Son traballos realizados por investigadoras e investigadores das tres universidades galegas, da Universitat de Barcelona, Boloña e, sobre todo, numerosas universidades brasileiras (Pernambuco, Río Grande do Sul, Estadual de Paraiba, Católica de São Paulo,  Estadual do Oeste do Paraná, Federal de Uberlandia…) e tamén de Portugal (Porto, Coimbra e Nova de Lisboa).

Hai temáticas relacionadas coa perspectiva histórica, coa dixital e a cinematográfica, literatura galega, transversalidade e transmedialidades, traducción…