A obra compila 15 artigos escritos polo docente e investigador falecido en 2022
Filoloxía e Tradución homenaxea ao "querido e lembrado" profesor Antonio Rifón cun libro que pon ‘orde no desorde’
A presentación do volume reuniu a un destacado número de membros da comunidade universitaria
O pasamento, en outubro de 2022, do profesor Antonio Rifón deixou unha fonda pegada de conmoción e tristura na Facultade de Filoloxía e Tradución, “a súa casa durante os últimos 25 anos”. Agora, pasados dous anos desa triste data, as súas compañeiras e compañeiros quixeron renderlle homenaxe coa publicación dun libro no que se compilan quince dos seus traballos, artigos publicados entre 1996 e 2022, que dan boa mostra da súa ampla e diversa traxectoria profesional, con prólogo do decano, José Montero, e presentacións de cada artigo realizadas por colegas, discípulas e amizades que sintetizan neses preludios o esencial de cada un deses artigos, destacando a súa singularidade e engadíndolle o detalle persoal, a lembranza particular.
Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a presentación do libro Orden en el desorden. Tejiendo redes desde la morfología y la semántica al análisis del discurso, reuniu no salón de actos da facultade a un destacado número de membros da comunidade universitaria, encabezados polo reitor, Manuel Reigosa, quen destacou o feito de que a presentación desta obra “é moito máis ca iso, é unha homenaxe a un ser querido que nos agasallou con moitas cousas, como institución e como persoas, e ao que botamos moito de menos”. Nesta liña, destacou que esta homenaxe “permítenos a lembranza, a memoria e a realización dun agarimo moi sentido para un benquerido compañeiro”, retando a todos os presentes a honralo, “facendo o que el fixo durante anos, facer cada día mellor o noso traballo”.
Compartindo mesa co reitor contouse coa participación do decano da facultade, José Montero, que interveu na súa dobre condición de decano e editor do libro; o profesor Jorge Luis Bueno, director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, e a catedrática de Lingua Española da Universidade de Santiago de Compostela, Mª José Rodríguez Espiñeira, que foi a encargada de presentar polo miúdo os contidos do libro dedicado ao “querido e recordado Antón”.
Docente compremetido e cheo de inquietudes
Na súa intervención o decano, José Montero, fixo referencia a que unha facultade é moito máis que un edificio, é tamén o seu estudantado e o seu profesorado e, nesta liña,” neste centro temos a fortuna de contar cun cadro de docentes de enorme prestixio, un claustro de profesores de absoluto privilexio”. Rifón Sánchez foi, a xuízo de todos os que interviñeron, un bo exemplo diso, “de profesor comprometido”, “de espírito aventureiro e capacidade de adaptación”, “de interese polo traballo en equipo e a capacidade de liderado”, “con fino sentido do humor e ausencia total de pedantería”... Un home cheo de inquietudes cunha inmensa capacidade para asumir riscos, que non dubidou en estudar unha segunda licenciatura, Filosofía, e meterse na “aventura de aprender ruso, idioma no que chegou a defenderse sen dificultade”, tal e como lembrou Montero.
“Unha síntese excelente do quefacer investigador de Antonio Rifón”
O volume-homenaxe reúne un número considerable de traballos que o profesor Rifón publicou ao longo da súa vida profesional en revistas especializadas, libros académicos e publicacións moi diversas, pero tamén dispersas. Neste senso, as profesoras e profesores implicados neste proxecto explican no resumo da obra que o título sintetiza ben o eixe central da investigación deste docente: “poñer orde, sistema, nun desorde de datos, de materiais distintos, non sempre fáciles de interpretar”.
A selección dos contidos foi realizada polos docentes Inmaculada Anaya, Miguel Cuevas, María Méndez, José Montero e Susana Rodríguez Barcia. Inclúe unha quincena de traballos de corte esencialmente morfolóxico, pero non de maneira exclusiva, de modo que constitúe “unha síntese excelente do quefacer investigador de Antonio Rifón”, unha verdadeira suma no sentido etimolóxico da palabra, isto é, como compendio de, na definición do Diccionario de la Lengua Española, "o máis substancial e importante de algo".
Pero máis aló de ser unha compilación de traballos, os compañeiros e compañeiras de Rifón quixeron contribuír con achegas persoais a cada artigo, de modo que os traballos, ordenados cronoloxicamente, preséntanse por medio dunha breve introdución, que sintetiza o esencial de cada un deles. Deste xeito, incorpóranse ao volume “voces amigas que souberon engadir o detalle persoal”.