Coa participación de autoras como Luz Fandiño, Chus Pato e a profesora Chus Nogueira
Filoloxía e Tradución organiza un ciclo de recitais e clases abertas sobre xénero e literatura galego-lusófona actual
As actividades serán no Instituto Camões e na FFT ao longo de todo o mes de novembro
Chus Pato e Luz Fandiño son dous dos nomes máis representativos da poesía galega actual e tamén dúas das relatoras que o vindeiro mes de novembro van participar en Vigo nun ciclo de recitais e clases abertas sobre xénero e literatura galego-lusófona actual. Elas, xunto coa profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira, son as representantes galegas de Vozes de mulheres nas literaturas en língua galega e portuguesa, unha actividade organizada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch e Antía Monteagudo, aberta ao público en xeral e que traerá tamén ata a Cidade Olívica a tres especialistas portugueses das universidades Sourbonne Nouvelle, Liverpool e a Universidade Católica de Braga.
Organizado ao abeiro do proxecto de investigación Poesía actual e política II: conflito social e dialoxismos poéticos Poepolit II, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Cátedra Internacional José Saramago, o ciclo comprende sete sesións que terán lugar no Instituto Camões e na Facultade de Filoloxía e Tradución ao longo de todo o mes de novembro. A primeira cita será o día 3 no Camões ás 16.00 horas e para ela contarase coa profesora especialista en Estudos africanos e literatura en lingua portuguesa Egídia Souto, da Université de la Sorbonne Nouvelle, que centrará a súa intervención en explicar a resiliencia de mulleres africanas, para o que empregará o caso de Mozambique e da historia colonial que padeceu a partir dun dos autores actuais máis emblemáticos deste país: Mía Couto. “Esta primeira sesión na Casa Arines exporá as grandes liñas de análise que logo se traballarán en forma dun pequeno seminario nunha segunda sesión, que será xa na Facultade de Filoloxía e Tradución”, apunta Baltrusch.
Sesións abertas con participantes de ambos lados da raia
Ao longo das diferentes xornadas haberá intervencións de carácter máis académico, outras máis divulgativas e tamén recitais de poetas e, en todas, se reservará un oco para o diálogo e o debate. En termos temáticos, ofreceranse incursións nos ámbitos mozambicano lusófono (Mia Couto), portugués (Isabela Figueiredo e Ana Luísa Amaral) e galego (Xela Arias, Chus Pato e Luz Fandiño). “Falarase de poesía, novela e das cuestións de xénero relacionadas. Buscamos relacionar sempre o poético contido nas obras coa expresión política”, salientan os organizadores, facendo fincapé na importancia que lle outorgaron a que o ciclo incluíse voces tanto de creadoras como de persoas dedicadas á docencia e á investigación, de forma que mostrase desde un espectro amplo a relación entre Literatura e Xénero nos contextos galego e lusófono actual.
“Teremos o privilexio de podermos contar coa presenza de dúas poetas galegas absolutamente fundamentais da actualidade, que son Chus Pato e Luz Fandiño”, apunta Monteaguado, ao que engade que terán tamén dúas sesións cunha especialista en Estudos africanos, a xa mencionada Egídia Souto. Por outra banda, o profesor Cândido de Oliveira Martins, da UCP-Braga, analizará a reescrita da memoria na poesía de Ana Luísa Amaral, gañadora recente do premio Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. “Outra profesora, agora da University of Liverpool, a Ana Bela Almeida, relacionará os estudos de xénero e culturais no caso dunha das autoras portuguesas de máis proxección e importancia neste inicio de século, a Isabela Figueiredo”, explica Baltrusch, quen salienta que o ciclo péchase cunha exposición da profesora e especialista en poesía galega Chus Nogueira sobre os elementos anárquicos na vida e obra de Xela Arias, homenaxeada do Día das Letras Galegas 2021.
Un actividade coa que chamar a atención sobre uns estudos que “infelizmente” se extinguirán
Esta actividade inscríbese dentro do contexto da materia Xénero e Literatura: Galiza e os países lusófonos que se imparte no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. “Nela animamos ao estudantado a investigar sobre temas de xénero e literatura, segundo as metodoloxías que consideren máis adecuadas, mentres que nós actuamos menos como docentes e máis como orientadores”, recalca Baltrusch, ao que Monteagudo engade que o que se busca é que o estudantado, “na compañía dun público diverso, e tamén non universitario, dialogue coas creadoras e investigadoras, sempre buscando relacións coas súas propias investigacións”. A nota final non dependerá dun exame, senón exclusivamente dos seus traballos de investigación e das súas contribucións aos debates.
Buscan un modelo de clases distinto “no que se trata de pór en práctica o vello ideal humboldtiano da conxugación da investigación e da docencia e que no sistema universitario peninsular habitualmente só chegaría na fase do doutoramento”, consideran os docentes. Por outra banda, con esta actividade queren tamén visibilizar “a importancia dunha materia e dun grao absolutamente únicos en Galicia e que infelizmente se extinguirá por falta de visión de futuro e vontade innovadora”, desaparecendo así esta materia, “mais non queriamos saír da escena sen chamar a atención sobre a importancia deste tipo de docencia e investigación”.