O pasado venres rematou o prazo de presentación
Filoloxía e Tradución, sen candidaturas nas eleccións ao decanato
A única iniciativa promovida por un posible candidato non se materializou
O pasado 22 de xuño, coa exposición pública dos censos provisionais, abríase o calendario para a elección de decana ou decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, un proceso ao que este luns se confirmou que non se presentou ningunha candidatura que poida remudar ao equipo dirixido polo actual decano, José Montero Reguera, logo de dous mandatos consecutivos no cargo e catro meses exercendo o cargo en funcións.
Aínda que durante o proceso, que se iniciou coa exposición pública dos censos o 22 de xuño, xurdiu unha proposta de candidato ao decanato, finalmente esta non se materializou, de xeito que agora, a reitora, Carmen García Mateo, segundo contempla o regulamento electoral xeral da UVigo, ao non presentarse ningunha candidatura resolvería, con carácter xeral, a continuidade en funcións da anterior persoa titular, que deberá convocar novas eleccións nun prazo máximo de seis meses. Se, por circunstancias excepcionais, a anterior persoa titular non puidese continuar en funcións, a reitora nomeará en funcións á catedrática ou catedrático máis antigo do centro ou, no caso de non ser posible, á profesora ou profesor titular ou profesora ou profesor doutor con vinculación permanente máis antigo da facultade.
Seis anos e medio á fronte da facultade
José Montero Reguera, catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, foi elixido decano da FFT por segundo mandato consecutivo en abril de 2023 por maioría absoluta con 44 votos a favor, seis en contra e cinco en branco. Acompañouno o mesmo equipo co que gañara as eleccións en 2020: Miguel Cuevas, como secretario e responsable de Infraestruturas do centro; Inmaculada Anaya, como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; Beatriz Rodríguez, como vicedecana de Relacións Internacionais; María Seijas, como vicedecana de Calidade e Xosé Soto, como vicedecano de Organización Académica.
Con anterioridade a estes dous mandatos consecutivos, Montero Reguera xa desempeñara noutras dúas ocasións o cargo de decano da Facultade de Filoloxía e Tradución.
