DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A última obra da Aula de Teatro Universitaria de Ourense chega ao Vidal Bolaño

Filosofía, humor negro e personaxes dos baixos fondos na segunda xornada da Miteu

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 04/04/2019

A XXI Miteu volveu onte ao Teatro Roberto Vidal Bolaño con Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, a última estrea da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Maricastaña, gañadores do último Premio de Honra Marisa Soto, outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. 

A obra fai unha viaxe polas vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos dunha cidade, entre rúas multiculturais, perigos, os disparos, sospeitas, interrogatorios, desaparicións e amores que forman parte do cotío. Deste xeito, baixo unha mirada filosófica, con toques de humor negro e nunha peza con estética e formas de cine negro adaptadas ao teatro, os espectadores que se achegaron ao Vidal Bolaño puideron facer unha reflexión sobre a vida, “unha vida fóra do común, afastada tanto do cotián que se volve entrañable”, como explican dende a compañía. 

O elenco estivo composto por Candela López, Irene Pérez, Caterina Vázquez, Héctor Martínez, María Novoa, Raquel Fernández, Tatiana González, Nelly Formoso, Chelo Cortiñas, Lola Fernández e Óscar Castromán que, baixo a dirección de Fernando Dacosta, representaron unha obra inspirada nos primeiros libros da saga Malaussène de Daniel Pennac, na que se narra unha serie de historias relacionadas entre si e que se moven polo noir.

Tres representacións, un mes

A XXI Miteu volverá os días 24 e 25 de abril coa representación de dúas pezas na mesma semana no Vidal Bolaño ás 18.30h. A primeira delas será Círculo, a cargo da Aula de Teatro Universitaria de Vigo e dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro. Ao día seguinte, a obra que se subirá ás táboas do teatro da cidade universitaria será PARA. ELA, unha peza de María Francelina, docente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia,  que contará coa interpretación dos alumnos do centro.