DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores de rugby gañaron ao Crat Residencia Rialta

Fin de semana de vitorias para os equipos do campus

O Auriense masculino conseguiu unha praza para loitar polo título galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 25/02/2019

Esta fin de semana estivo caracterizada polos bos resultados acadados polos equipos do campus de Ourense nas súas respectivas modalidades. Tanto os equipos de rugby coma de fútbol gaélico e baloncesto gañaron os partidos disputados, sendo a única excepción o equipo de terceira división de xadrez. Tamén este sábado, as rutas culturais celebraron os seus 20 anos de historia reproducindo o primeiro dos roteiros feitos.  

Rugby e fútbol gaélico

O Campus Universitario Ourense Rugby Club recibiu este sábado ao Crat Residencia Rialta, da Coruña, gañando 29-25 o encontro. Con este resultado mantense, trala xornada 19 de liga, no cuarto posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal, con 12 vitorias e sete derrotas.
Pola súa banda, o Auriense Campus da Auga FG tivo, segundo explican desde o propio club, “un gran domingo para o único representante na liga galega de fútbol gaélico da provincia de Ourense”. Pola mañá, indican, o Auriense Feminino visitou ao Keltoi en Vigo. Foi, sinalan, “un partido excelente, onde as xogadoras ourensás estiveron acertadísimas no tiro a paus e conseguiron ademais de neutralizar o ataque olívico en todo momento sentenciar o encontro na parte final do choque, conseguindo tamén levarse o average, moi importante cara final de liga”. O marcado final foi Keltoi 1-07(10) - Auriense 0-16(16)”.

Pola tarde, o equipo masculino xogábase quedar entre os catro mellores equipos de Galicia contra o Estrela Gales de Santiago de Compostela. Aínda que cun comezo frouxo, indican desde o club, axiña o conxunto ourensá “fixo gala do seu acerto a gol e rompeu o encontro no primeiro tempo”. O marcador final foi Auriense 10-12(42) - Estrela Gaels 2-08(14). “Un éxito e unha tempada redonda para o conxunto do Auriense, que agora loitará polo título e pola clasificación para o Ibérico, a disputar en Barcelona durante o mes de xuño”, subliñan desde o equipo.

Baloncesto

Os equipos de baloncesto do campus sumaron tamén vitorias nos encontros disputados esta fin de semana. A categoría masculina do Universitario Campus de Ourense arrancou o sábado a súa participación na segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina gañando na casa por 69-49 ao Calvo Basket Xiria. Con este resultado sitúanse segundos de grupo. Polo que respecta á categoría feminina, as xogadoras gañaron tamén nas instalacións universitarias a Basquet Coruña Leyma por 74-40, situándose no segundo posto da primeira división autonómica feminina.

Xadrez

Os equipos de xadrez do campus desprazáronse esta fin de semana para disputar os encontros da quinta xornada da liga galega de xadrez. Na primeira división, o Universitario de Ourense gañou 0-4 en Vigo a Alekhine-Correduria Tempu, un rival directo para evitar o descenso, con vitorias de Manuel Álvarez, Álvaro Suárez, César Pérez e Lino Hermida. Na segunda división, o equipo do campus tamén acadou unha importante vitoria, 1-3,  contra un rival directo, o Club Xadrez Mos, con vitorias de Miguel Reza e José Jaime González-Viso e táboas de Adrián González e Laura Martínez. Xa en terceira división, o Universitario de Ourense perdeu 3-1 contra Benchoshey Kasparov, con vitoria de Mario Monzo e derrotas de Favio Fuentes, Mateo Dibuja e Nuel Vázquez.

20 anos das rutas culturais

Tamén o sábado e no marco dos actos de conmemoración do XX aniversario do programa de rutas culturais da Universidade de Vigo, 80 persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, reproduciron o percorrido da primeira andaina universitaria, celebrada en 1999. As e os inscritos realizaron un itinerario de aproximadamente 19 quilómetros pola contorna de Ourense que saíu do campus e percorreu Montealegre, Ceboliño, Cachamuíña e o Castro de Santo Tomé, para rematar cunha festa de confraternización no campus.