DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 29 de setembro pode visitarse a exposición que reúne as obras de 35 tituladas e titulados

Un final na Facultade de Belas Artes, un comezo no Pazo da Cultura

Presenta unha serie de pezas nacidas como traballos de fin de grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/09/2019

Unha selección de 35 obras creadas como traballos de fin de grao polas tituladas e titulados que o pasado curso completaban o grao en Belas Artes pode contemplarse ata o 29 de setembro no Pazo da Cultura, nunha nova edición de Do final e do comezo. A exposición, que fai referencia no seu título ao final dun período formativo e ao comezo dunha nova etapa para as e os artistas, reúne traballos de múltiples disciplinas. Desde pintura, escultura, debuxo, fotografía, ilustración ou audiovisual, ata instalacións, libros de artista ou proxectos de realidade virtual, xunto con outra serie de creacións “de carácter claramente multidisciplinar ou transdisciplinar”, como explica o comisario da exposición, o profesor Ignacio Barcia. Deste xeito, Do final e do comezo eríxese como “unha mostra representativa do nivel e o enfoque da formación recibida na Facultade de Belas Artes”, engade.

Traballos académicos que se proxectan “sen rede”

“A exposición é unha selección, hai moitos máis traballos fin de grao moi bos pero que por motivos de espazo ou indispoñibilidade non están aquí. Mais penso que é unha selección moi representativa”, engade Barcia da exposición inaugurada o 5 de setembro e na que se fai patente “ese carácter transversal, transdisciplinar e aberto” da formación recibida na aulas de Belas Artes. Do mesmo xeito, Barcia pon tamén o acento no feito de que selección final reúna as creacións de 25 novas tituladas e dez novos graduados. “Paréceme moi significativo que, nun momento no que os museos están a buscar nos seus almacéns obras de mulleres artistas, se vexa como están no punto de partida”, destaca o coordinador da mostra. 

Ademais de Barcia, responsable do comisariado e deseño de montaxe, as docentes María Covadonga Barreiro, Itziar Ezquieta, Begoña Paz e Sol Alonso participaron tamén nas tarefas de produción, coordinación e montaxe dunha mostra que contou tamén coa colaboración, nos labores de montaxe do persoal do Pazo da Cultura e de Marta Fariña no deseño gráfico. Tamén, coa implicación dos propios titulados e tituladas que se amosaron “moi colaboradores” no proceso de montaxe dunha exposición que buscaba “que o seu traballo se vexa nas mellores condicións”, salienta Barcia. Neste senso, o docente pon o acento no carácter de “verdade” dos traballos de fin de grao de Belas Artes. “É un traballo real, non hai rede, non son unha proba, nin un estudo teórico, aínda que tamén o haxa e a obra estea contextualizada conceptualmente, son pezas que funcionan nunha sala de exposicións aberta a público”, engade Barcia, que tamén subliña a visibilidade que outorga aos novos graduados e graduadas a exposición que a facultade promove cada ano coa colaboración do Concello de Pontevedra e que se completará coa edición dun catálogo. 

“Un orgullo e unha oportunidade”

Pintura, fotografía, escultura ou instalación conviven na sala de exposicións do Pazo da Cultura coa proxección dun documental, unha obra que combina música e fotografía ou obras “que tocan varios aspectos ou que están a cabalo entre unha disciplina e outra”, salienta Barcia. Instalación, fotografía e vídeo por exemplo, combínanse en Habitar el espacio, de Luisa Villar. “A exposición é unha oportunidade para que che coñezan que é de agradecer, porque non todos podemos estar aquí e formar parte da selección é un orgullo”, salienta esta egresada. Unha instalación construída con tubos de plástico que inicialmente respondía á idea de crear “un pequeno refuxio, un lugar no que illarme”, constituíu o punto de partida do proxecto que logo a artista levou máis aló, buscando a interacción de estrutura con persoas e espazos. “Quería ver como se comportaba a xente e leveina a un colexio para que os nenos interactuasen con ela”, relata dunha experiencia que rexistrou nun dos vídeos que completan esta proposta xunto coas fotografías nas que traslada esa estrutura a diferentes escenarios.

“O positivo desta exposición é poder ensinarlle a todo o mundo o noso traballo, que é algo complicado hoxe”, engade o egresado Alan Argibay, quen buscou “algo novo” para o seu traballo de fin de grao, dando lugar a unha obra que as e os espectadores poden contemplar a través duns lentes de realidade virtual. É un proxecto de instalación, pero en realidade virtual”, explica dunha proposta que leva ás e aos visitantes a percorrer, a través destes lentes, unha serie de salas virtuais nas que Argibay vai presentando as súas obras, “como se fose un museo polo que te podes ir movendo”.