DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polas universidades de Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa

A Finde.U arranca con 70 empresas e institucións para facilitar a primeira experiencia laboral do alumnado

A feira de emprego botou a andar con 650 inscritos e a matrícula estará aberta mentres dure o evento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/10/2018

A terceira edición da Feira Internacional de Emprego, Finde.U, botou a andar esta mañá no Ifevi con 70 expositores, entre empresas e universidades, co obxectivo de consolidarse como o maior referente en Galicia en canto a eventos de intermediación laboral universitaria. A media mañá había 650 inscritos, entre estudantes e persoas egresadas, cifra que se irá incrementando entre hoxe martes e mañá, xa que a matrícula permanecerá aberta mentres dure o evento. As e os asistentes atoparán na feira unha oportunidade de contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores que se atopan na procura de persoal cualificado. Ademais, para as compañías da eurorrexión é un xeito de coñecer de primeira man as capacidades do estudantado da contorna.

Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade, explica que entre os 70 expositores hai “empresas de todos os sectores, pero nesta edición teñen un peso destacado as TIC”. Entre as firmas presentes están, por exemplo, Aluminios Cortizo, Abanca, Banco Mediolanum, Ence, Garrigues, Hotusa, Pescanova, Leroy Merlin, Nationale Nederlanden, Carrefour, Televés ou ZF Group. As e os participantes atoparán na feira a posibilidade de, ademais de entregar currículos, “poder charlar coas empresas, informarse de a que se dedican, coñecer as súas demandas de persoal ou atender as recomendacións das propias empresas para mellorar o seu currículo”. Neste sentido, destaca Alejandro Martínez que se trata dunha “atención personalizada, que permite o contacto directo coas compañías” e ter á súa disposición un posto de orientación laboral, para axudar ao alumnado e ás persoas egresadas a prepararse para o mundo laboral”.

Durante a tarde tivo lugar a visita institucional, coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado por representantes da outras universidades organizadoras, polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, polos concelleiros Santos Héctor e Ángel Rivas e pola portavoz do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz.

Expositores e moito máis

Para participar na feira, as persoas participantes deben rexistrarse na plataforma Beamian, ou no mostrador de recepción dos recintos da feiras. Tras este rexistro e coa tarxeta de estudante ou, no caso de non telo, coa tarxeta cedida pola organización da Finde.U no mostrador, poderán pasar o seu CV ás entidades empregadoras a través dun lector de tarxetas dispoñible en cada stand, sen necesidade de utilizar CV en papel.

O programa da feira inclúe, para os dous días, unha serie de presentacións corporativas das diferentes empresas e, como novidade, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal desenvolve o Job Day Tic, coa participación de 13 empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambos lados da fronteira. Finalmente, mañá mércores desenvolverase a segunda xornada do evento O talento feminino SUMA, que arrancou no campus o pasado 9 deste mes. Nesta sesión as participantes realizarán as súas presentacións de 90 segundos ante responsables de recursos humanos de empresas para presentar a súa marca persoal.

Unha oportunidade para o alumnado

Ao alumnado e ás persoas egresadas a Finde.U permíteselles ter unha primeira toma de contacto co mundo laboral, un lugar no que coñecer empresas, indagar sobre as súas necesidades e traballar para mellorar a adaptación do seu currículo ás demandas do tecido empresarial. Tamara, titulada en Enxeñaría de Telecomunicación, está rematando o doutoramento, centrado na análise de datos, machine learning e intelixencia artificial, en xeral. Esta feira, explica, “coincídeme xenial, xusto cando estou a rematar a tese e teño que empezar a buscar que facer, polo que a Finde.U “me ofrece a posibilidade de contactar con moitas empresas do eido tecnolóxico”. Cristina acaba de rematar ADE e achegouse á Finde.U principalmente para coñecer empresas, “non estou enfocada a un sector en concreto pero este é un evento moi interesante para poder situarme”. Tamén de ADE é Jenni, que explica que “aquí atopamos moitas ofertas, permite nun mesmo lugar localizar diferentes empresas o que fai moito máis sinxelo o proceso para chegar a elas”.

A feira está tamén aberta a alumnado de fóra do mundo universitario, como son Xiana, Alén e Laura, que estudan ciclo medio. Consideran que é “unha boa idea como primeira toma de contacto co mundo empresarial, un lugar onde entregar currículos e buscar empresas nas que facer as prácticas; é divertida, didáctica e estamos aprendendo bastante sobre perfís de traballo”.

Un escaparate para as empresas

As empresas e institucións académicas apostan pola Finde.U porque lles ofrece un escaparate dende o que proxectarse e dende o que coñecer a formación do alumnado e as súas capacidades como potenciais empregados e empregadas. Para Ana Varela, responsable de selección e desenvolvemento do centro técnico de BorgWarner en Vigo, é un punto de encontro no que “buscar talento” e no que tecer redes con outras empresas e universidades. “Estamos aquí porque, aínda que historicamente temos unha bagaxe mecánica moi alta, agora estamos trasladando todo ese coñecemento de combustión cara a área de híbridos e eléctricos, polo que nos interesan os perfís de electrónica e telecomunicacións, sobre todo orientado ao deseño de hardware e desenvolvemento de software para produto electrónico que dá funcionalidade aos vehículos”. 

Outra das empresas presentes é Finsa, unha compañía que segundo explica no seu expositor Luis Carreira, é ben coñecida en Galicia, non tanto en Vigo. “Queremos darnos a coñecer e estamos moi interesados en perfís da área da enxeñaría, fundamentalmente orientados a robótica, a enerxía e as novas tecnoloxías, xa que estamos inmersos en procesos de renovación orientados á industria 4.0”. Perciben un aumento de asistentes respecto do ano pasado e tamén fan unha moi boa valoración da edición de Porto, onte puideron detectar “moito interese por traballar en España, aínda que temos dúas fábricas no país veciño”. 

No posto de Abanca, pola contra, están buscando outro tipo de perfís, principalmente de Administración e Dirección de Empresas ou Economía. “Interésanos o talento novo, titulados recentes que poidan incorporarse ao noso proxecto Experiencia Abanca no cal, tras traballar dous anos en sucursal, poderían pasar de forma indefinida ao cadro de persoal”, explican os seus responsables, Jacobo e Benito.