DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 3ª edición celebrarase en Vigo o 23 e 24 de outubro e en Porto a semana anterior

A Finde.U aspira a consolidarse como o maior referente de eventos de intermediación laboral universitaria en Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 04/10/2018

Máis de 2000 participantes e unhas 70 empresas prevese que participarán na terceira edición da Feira Internacional do Emprego Universitario, Finde.U, que se celebrará no Ifevi de Vigo os días 23 e 24 de outubro. Organizada polas universidades de Vigo, Porto, Tras-os- Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa, a feira arrancará en Porto unha semana antes, os días 16 e 17 de outubro, co obxectivo de “se consolidar como o maior referente en Galicia en canto a eventos de intermediación laboral universitaria”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Alejandro Martínez. Por terceiro ano consecutivo a Finde.U ofrecerá a estudantes e persoas tituladas a oportunidade contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da eurorrexión terán a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do estudantado formado na institución académica viguesa. 

“O que estudantado se vai atopar é algo imposible fóra dun evento deste tipo: a oportunidade de contactar e conversar con responsables de recursos humanos de empresas de moitos sectores, que se atopan actualmente buscando persoal cualificado. Isto permitiralles non só facer chegar os seus currículos para acceder a ofertas de traballo e prácticas senón tamén ter unha visión clara de que competencias son as máis valoradas por estas entidades e que aspectos deberían reforzar para acadar os seus obxectivos profesionais”, detalla Alejandro Martínez. Para participar na feira, o alumnado e as e os titulados deberán rexistrarse na plataforma Beamian, ou no mostrador de recepción dos recintos da feiras. Tras este rexistro e coa tarxeta de estudante ou, no caso de non telo, coa tarxeta cedida pola organización da Finde.U no mostrador, as e os participantes poderán pasar o seu CV ás entidades empregadoras a través dun lector de tarxetas dispoñible en cada stand, sen necesidade de utilizar o CV en papel.

Pescanova, Finsa, Abanca, Televés, Borgwarner, BBVA, Carrefour, Hewett Packard, Ence ou Garrigues, son algunhas das empresas que xa confirmaron a súa presenza na terceira edición da feira de emprego, que como todos os anos completará o seu programa con actividades paralelas de formación e información.

As novidades: talento feminino e Job Day Tic

Dúas son as novidades que este ano introduce a Finde.U. Dunha banda, o día 24 e como continuación da xornada que o 9 de outubro se celebrarán no campus de Vigo, o Ifevi acollerá a derradeira sesión do programa O talento feminino SUMA. “Nesta sesión as estudantes e tituladas que participaron na primeira sesión da xornada, presentarán  a través dun formato elevator pich, o seu talento os responsables de recursos humanos que participan na Finde.U”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.

Así mesmo, nesta terceira edición a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal incorpora á feira o seu Job Day Tic, achegando a participación de 13 empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambos lados da fronteira.

Doutra banda, o Consello Sindical Interrexional de Galicia Norte de Portugal celebrará o seu congreso anual en paralelo á primeira xornada da feira o día 23.

Unha experiencia “moi laboriosa pero gratificante”

Nas semanas previas á celebración da terceira edición da Finde.U, Alejandro Martínez considera que ata o de agora a experiencia acadou plenamente os seus obxectivos, tanto para estudantes e persoas egresadas que están a demandar emprego ou prácticas, “para nós, como organizadores, valorámolo como unha experiencia moi laboriosa, pero, á vez e á vista dos resultados, moi gratificante”, asegura.