DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Finisterre, unha curtametraxe que reflexiona sobre a morte na sociedade galega

A rodaxe tivo lugar esta fin de semana na praia de Cesantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI DUVI 08/10/2007

Un cura, un enterrador e un monaguillo octoxenario. Estes tres personaxes están solos no mundo e deciden enterrarse nunha pequena praia galega, convertida nun improvisado cemiterio cheo de cruces e tumbas. O problema é cómo facer para enterrarse os tres se o último non ten que o enterre. Este é o argumento de Finisterre, curta que está a realizar un grupo formado, na súa maior parte, por alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Somos cerca de vinte persoas no equipo e temos todos en común a paixón polo mundo audiovisual”, apunta o director da obra e alumno de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas, Iago Fernández.
A obra reflexiona sobre o tema da morte na sociedade galega. O obxectivo é transmitir a especial idiosincrasia dun tipo galego, arraigado á súa terra e ás súas costumes cunha insultante naturalidade e sen cuestionamentos de ningún tipo. Finisterre pretende invitar ao espectador a reflexionar sobre o peso que o momento da morte ten na vida das persoas, xa sexa por temor, ou pola irracional necesidade de celebración do mesmo.
A rodaxe, que tivo lugar a pasada fin de semana na praia de Cesantes, contou coa participación dos actores Eduardo Alberto Rodríguez Cunha “Tatán”, José Luis López “Sacha” e Miro Margariños.
Finisterre é unha peza audiovisual subvencionada pola Xunta de Galicia que conta, ademais, coa colaboración da Universidade de Vigo que proporciona o material audiovisual e de audio, e o Concello de Redondela ao facilitar as instalacións e as tomas de enerxía.