DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun espazo protexido do municipio portugués de Paredes de Coura

Firepoctep+ inicia as actuacións sobre o terreo para diminuír o risco de grandes incendios na fronteira entre España e Portugal

Levaranse a cabo accións ao longo da raia, que mellorarán a protección de 80.000 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/11/2024

Liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal, o proxecto Firepoctep+ ten como obxectivo identificar zonas clave na prevención dos grandes incendios forestais ao longo da fronteira entre España e Portugal e definir actuacións preventivas que poidan levarse a cabo coa implicación dos axentes locais. Nese segundo propósito, insírense un conxunto de “pequenas accións”, como explica Juan Picos, investigador principal do proxecto, que os diferentes socios irán acometendo ao longo da raia e que buscan pór a proba sobre o terreo diferentes medidas dirixidas á diminuír a intensidade dos lumes. A idea, sinala, “é intentar facer cousas que normalmente non se fan, actuacións demostrativas” que permitan avaliar os efectos sobre o terreo de iniciativas baseadas na “xestión multifuncional” dos bosques. Nesa idea insírese a actuación levada a cabo na paisaxe protexida do Corno do Bico, no municipio portugués de Paredes de Coura, onde se interveu sobre unha masa de cipreses situados nunha zona estratéxica de xestión, puntos clave no comportamento destes grandes lumes. 

Trátase da primeira iniciativa deste tipo posta en marcha polos investigadores e investigadoras da UVigo no marco dun proxecto cofinaciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-207 (POCTEP). Nel participan 17 institucións e entidades españolas e portuguesas, que levarán a cabo unha conxunto de “actuacións puntuais” ao longo da fronteira, nas que intervirán sobre preto de 600 hectáreas, xerando unha “mellora da protección” para os preto de 80.000 habitantes dos municipios rurais nas que se levarán a cabo.

Prevención do lume e conservación do lobo

A primeira das accións levadas a cabo polos investigadores e investigadoras da UVigo levouse a cabo no Corno do Bico, un espazo protexido que conta cun Centro de Educación e Interpretación Ambiental, sede do Laboratorio Rural impulsado en 2021 pola Cámara Municipal a través dun convenio con dez institucións, entre as que se atopa a EE Forestal. “A infraestrutura do laboratorio permítenos reunir axentes e investigadores de diferentes campos”, salienta Picos, que lembra que o deseño e execución desta intervención contou coa participación da Cámara Municipal, Biopolis, o Instituto de Conservaçao da Natureza e das Florestas do goberno portugués, a Junta de Freguesia de Bico e Cristelo, a Asociación Portuguesa de Tracción Animal (Aptran) ou a Universidad Politécnica de Madrid.

A zona tratada, explica, era unha masa “moi densa” de cipreses de aproximadamente 40 anos, que “presentaba un elevado risco de incendio debido á acumulación de material combustible fino e seco, que podía intensificar un posible lume e pór en perigo tanto o rodal como os hábitats de interese comunitario próximos”, como a turbeira da Lameiro das Cebolas. O deseño desta actuación apoiouse na “diagnose mediante o escáneo da estrutura” desta masa forestal cun equipo LiDAR portátil e consistiu nunha “clara selectiva polo baixo”, orientada a reducir nun 25% o número de árbores, eliminándose principalmente  aqueles exemplares “moribundos ou cunha alta proporción de biomasa morta”.

Os traballos de corta manual foron realizados por equipos de Sapadores Florestais, mentres que para o tratamento dos restos contouse coa emprega galega forestal Redenor e cunha trituradora forestal de control remoto. Ademais, co obxectivo de que fose unha actuación “de baixo impacto” e de “minimizar o arrastre de sedimentos”, os labores de extracción de madeira leváronse a cabo con cabalos, eguas e mulas, coa colaboración de Aptran. Non en van, trátase dunha espazo protexido, que é ademais unha “zona de importancia para a conservación do lobo ibérico”, o que motivou as intervencións se deseñasen coa colaboración co equipo do proxecto Life Wild Wolf, co obxectivo de asegurar que “no só non afectaran negativamente á poboación de lobos, senón que contribuirán á mellora gradual do seu hábitat”. Neste punto, Picos destaca a importancia de xerar “sinerxías entre a prevención de incendios e outras actividades produtivas e de conservación”. 

Actuacións que poidan replicarse

As actuacións acometidas foron medidas co obxectivo de “obter datos científicos que permitan a transferencia de resultados e a súa posible aplicación noutras áreas”. Non en van, o propósito de Firepoctep+, seleccionado como proxecto de importancia estratéxica para o programa Poctep, é que estes traballos sexan “actuacións replicables”, que poidan “servir de exemplo”, á vez que supoñen unha mellora para o territorio en cuestión. Con ese mesmo obxectivo, a intervención no Corno do Bico verase sucedida por “un seguimento que nos permita sacar conclusións”, á vez que se buscará nun futuro “apoiar a rexeneración natural doutras especies”, que permitan xerar unha “masa mixta máis natural e, probablemente, menos sensible a incendios”.