DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro do Servizo de Publicacións da Universidade

“Física en Imaxes” achega a ciencia á vida diaria dos cidadáns

Finalista do certame nacional Ciencia en Acción

Etiquetas
  • Pontevedra
Ana Terceiro DUVI 17/12/2007

Algunha vez preguntastesvos por que se producen as pompas de xabón ou por que os columpios para bebés teñen esa forma tan peculiar?. As respostas a estas cuestións e a moitas outras son as que se poden atopar no libro Física en Imaxes, unha obra que pretende aproximar o lector a esta disciplina a través de imaxes cotiás, desentrañando os conceptos e aspectos físicos fundamentais que estas esconden.
Un dos autores do libro, Pío Manuel Fernández, explica que “a idea básica do libro é realizar un percorrido pola física a través dunha colección de imaxes diarias, de xeito que cada unha delas nos introduce ou ilustra un concepto; así, cando nos crucemos coa imaxe lembraremos ese concepto e pronto a compresión da realidade física irá transformando a forma de ver as cousas, case sen esforzo”.
Lonxe dos formatos habituais dos libros de física, unha das características de esta publicación é a súa orixinalidade. Publicado en tres idiomas (galego, español e inglés), a idea de facelo xurdiu a raíz de que Pío Fernández, profesor da EUET Forestal, utilizaba constantemente estes exemplos nas súas clases de física e un día decidiuse a materializalos nun libro coa intención de elaborar un material didáctico, alternativo e renovado. Moi satisfeitos co resultado obtido presentaron a publicación ao concurso Ciencia en Acción, certame nacional que, incluído dentro da Semana Europea da Ciencia e a Tecnoloxía, pretende achegar a ciencia ao gran público dun xeito sinxelo, atractivo e dinámico. Tras quedar finalistas na modalidade de Traballos de Divulgación Científica en Soporte Papel, o profesor comenta que “para a Universidade é un gran orgullo e para nos quedar finalistas é o mellor premio que nos puideron dar”.

Física para todos os públicos

En Física en Imaxes abórdanse os temas correspondentes a un programa tradicional de física xeral. En cada tema agrúpanse diversas imaxes de feitos cotiáns e realízase unha análise dos mesmos en dous niveis de dificultade. Nun primeiro nivel, máis básico, invítase ao lector a descubrir a física que se agocha nesa situación mediante a formulación dunha cuestión, un comentario breve ou un pequeno reto. Nun nivel máis avanzado introdúcese unha explicación cualitativa ou un pequeno cálculo a partir de leis fundamentais da física. Con este enfoque preténdese chegar a todos e estimular o coñecemento científico. Sobre todo vai dirixido a aqueles a quen a física lles produce pánico ou aburrimento, a outros, con máis coñecementos, quizais este libro lles quede pequeno ou o vexan incompleto, e sintan a necesidade de sacarlle máis substancia a algunhas imaxes ou de incorporar outras novas tamén próximas á súa realidade.