DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes presentouse no campus un proxecto multidisciplinar sobre este tema

Da física á psicoloxía para entender o comportamento humano

Coa intervención do catedrático Pedro Fernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/11/2019

A aplicación dun modelo físico ao comportamento humano individual e social. Este foi o tema da conferencia que este martes ofreceu na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense o catedrático de Matemática Aplicada da Universidad Politécnica de Valencia Pedro Fernández de Córdoba. Nela expuxo un traballo que sobre esta aplicación está a realizar un grupo de investigación multidisciplinar.

A conferencia, titulada Linking individual and collective behaviour through physics modelling, estivo organizada por Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo e director do grupo de investigación Óptica Física, co que Fernández de Córdoba ten colaborado. Na súa visita ao campus, o relator presentou un traballo realizado entre a Universidad Politécnica de Valencia e a Universidad de Valencia “que ten que ver co estudo dun problema importante en psicoloxía, como son os tempos de resposta, de reacción, a estímulos visuais”. A esta problemática, indicou Pedro Fernández, un grupo multidisciplinar no que el participa quixo dar “unha visión diferente, que ten que ver non con fixarse nas respostas dun individuo concreto senón con modelar o comportamento colectivo”. A proposta deste grupo parte, apuntou, da idea de que “se modelas o comportamento colectivo podes, por exemplo, identificar dentro da colectividade individuos máis normativos ou singulares desde o punto de vista psicolóxico”.

Este modelado colectivo Pedro Fernández, indicou antes da súa conferencia, proponse realizar neste proxecto “cun modelo físico que é moi singular”, buscando un paralelismo con como funcionan os sistemas físicos, como os gases ou a termodinámica. Trátase, apuntou o experto, “dun modelo de psicoloxía física, da aplicación non de técnicas estatísticas ou matemáticas senón que é a primeira vez que se vai facer un modelo físico aplicado ao comportamento humano en estrito senso, unha aplicación directa do modelo”. Na actualidade, dixo o relator, o proxecto está desenvolvendo o software para aplicar este modelo, querendo nesta visita ao campus de Ourense dar a coñecer este traballo ao persoal investigador interesado e escoitar a súa visión e suxestións.