DUVI

Diario da Universidade de Vigo

50 pacientes realizarán un programa de traballo cun “cicloergómetro intelixente”

Fisioterapeutas do grupo HealthyFit estudan os efectos do exercicio de alta intensidade no deterioro cognitivo de persoas con párkinson

A investigación busca coñecer o resultado da súa combinación con tarefas mentais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/07/2022

Diferentes investigacións teñen constatado as melloras que o exercicio físico pode xerar na sintomatoloxía que padecen as persoas con párkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa máis común, despois do alzheimer. Non obstante, poucas investigacións abordaron ata a data os efectos que podería ter nestes pacientes un programa de exercicio de alta intensidade como o que centra o estudo que nestes meses desenvolven as investigadoras do grupo HealthyFit Iris Machado, Irimia Mollinedo e Karina Pitombeira. Mediante o uso dun “cicloergómetro intelixente” MotoMed, que permite levar a cabo dun xeito seguro sesións de exercicio cunha “cadencia máis alta do que normalmente poderían manexar” estes pacientes, as investigadoras da Facultade de Fisioterapia buscan coñecer os efectos sobre a sintomatoloxía, o deterioro cognitivo e a condición física dun programa de “exercicio forzado” en combinación con actividades de “estimulación cognitiva”, explican. 

“No caso dos pacientes con párkinson, é moi importante, a nivel neuromuscular, o estímulo que implica o traballo a altas revolucións”, sinala Pitombeira, que explica que o uso do MotoMed permítelles traballar cunha intensidade de 90 revolucións por minuto, con independencia de que os pacientes poidan seguir esa cadencia, que a propia máquina mantén, de tal xeito que continúan exercitándose dunha forma “activa-asistida”. Coa colaboración tanto da Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra, como do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, preto de 50 pacientes participan nestes meses nun estudo que se insire na investigación que Pitombeira leva a cabo para a súa tese de doutoramento e no que, ademais de Machado e Mollinedo, participa tamén o coordinador do grupo HealtyFit, José María Cancela.

As dificultades de facer fronte a unha “tarefa dual” 

Como se recolle na memoria do estudo, “as persoas diagnosticadas da enfermidade de párkinson presentan altas dificultades para realizar tarefas complexas ou con varios focos atencionais”, e mais concretamente, poden presentar dificultades para realizar “tarefas duais”, como por exemplo combinar unha actividade física con outra de carácter cognitivo, que é precisamente o que propón este estudo. Concretamente, as investigadoras buscan analizar os efectos dun programa de exercicio no que as e os participantes, asistidos polo MotoMed, pedalean durante media hora á 90 revolucións por minuto á vez que teñen que ir realizando unha serie de “tarefas cognitivas” que lles presentan a través dunha pantalla. “Queremos ver a influencia da actividade cognitiva no desenvolvemento da función física, se no tratamento dun paciente é relevante ou non traballar con tarefas duais”, explica Machado. 

De feito, esta investigación viuse precedida pola realización hai uns meses dun “estudo piloto” que amosou como o “rendemento na parte física” das persoas participantes diminuía cando tiñan que ir respondendo as cuestións que se lles trasladaban a través da pantalla. Nese senso, Machado precisa que ata a data “hai moi poucos estudos” sobre os efectos que poida ter a combinación das tarefas cognitivas con exercicio de alta intensidade, que ademais este cicloergómetro permite levar a cabo “cunha maior seguridade”, evitando riscos como caídas. De feito, como como recolle a memoria do estudo, o uso deste dispositivo permite que mesmo “pacientes con mobilidade e coordinación moi limitadas” poidan “exercitarse de maneira efectiva e independente”. 

Dúas fases de estudo

Co obxectivo de avaliar un mínimo de 44 pacientes para acadar “unha mostra representativa”, nestas semanas lévase a cabo, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a primeira fase desta investigación, “un estudo clínico transversal”, no que as e os participantes levan a cabo unha única sesión de “exercicio forzado” divididos en dous grupos, un que combina a actividade física coa cognitiva e outro que só traballa co MotoMed. “O noso obxectivo aquí é ver se este exercicio agudo favorece a tarefa cognitiva ou non de forma inmediata”, explica Machado. Con esa idea, as persoas participantes deben realizan un test no que relacionan unha serie de símbolos e números nun tempo limitado, tanto no momento previo á sesión como “inmediatamente despois”, para logo agardar 30 minutos a que a elevación da frecuencia cardíaca “baixe por completo” e realizalo unha terceira vez.

Tras esta primeira fase, no mes de setembro iniciarán un “estudo clínico lonxitudinal” no que, divididos tamén en dous grupos, as e os participantes desenvolverán un programa de exercicio de doce semanas, con dúas sesións de traballo de media hora en cada unha delas. “Aquí o obxectivo vai ser observar o efecto a longo prazo”, explica Machado, a través de diferentes probas e dos propios datos que rexistra o MotoMed. O obxectivo, sinalan, é coñecer os efectos deste programa tanto na sintomatoloxía e no “curso da enfermidade”, como nos niveis de forza, equilibrio e marcha dos pacientes, así como as posibles melloras que poida xerar na súa “funcionalidade cognitiva” e na súa calidade de vida.

Por último, as investigadoras sinalan tamén que “calquera persoa que presente párkinson” pode poñerse en contacto con elas, a través do correo electrónico irismacoli@uvigo.es, “para comprobar se cumpren os requisitos para participar nestes programas”.