DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acolleu a 24 edición da súa mesa de saídas profesionais

Fisioterapia achega aos futuros titulados e tituladas unha panorámica das súas opcións de futuro

Trátase dun ámbito cunha “inserción laboral moi alta”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/05/2022

Co obxectivo de sumar aos coñecementos que adquiren ao longo da carreira, unha visión panorámica das diferentes opcións profesionais unha vez finalicen a súa formación académica, a Facultade de Fisioterapia acolle cada curso unha mesa redonda sobre saídas laborais, que este mércores chegaba á súa 24 edición. Dirixida a achegarlles as experiencias de fisioterapeutas que traballan tanto na sanidade pública como en clínicas, así como os ámbitos de especialización que abrangue esta profesión ou das posibilidades que teñen de continuar a súa traxectoria na docencia e na investigación, trátase dunha xornada que se repite cada ano nas últimas semanas do curso desde que a primeira promoción do centro se atopaba a piques de completar os seus estudos.

Inserida no Plan de Acción Titorial da facultade, trátase dunha actividade “dirixida a darlle ao alumnado de cuarto curso unhas pinceladas das perspectivas que vai ter a nivel laboral”, como salienta a súa coordinadora, a profesora Rocío Abalo, que explica que os contidos da mesa, “que se manteñen na liña das anteriores edicións”, buscan tamén responder ás “inquedanzas” que cada ano lles traslada o alumnado. “Desde a primeira promoción, apostouse sempre porque teñades un coñecemento, cando saiades da facultade, da que vai ser a vosa profesión e dos posibles nichos de mercado”, engadiu a decana, Eva María Lantarón, na apertura das xornadas.

Unha profesión cunha alta inserción laboral

A primeira das intervencións correu a cargo do presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Gustavo Paseiro, que se centrou nos aspectos legais para exercer unha profesión regulada, así como nos servizos que o colexio pon a súa disposición. “O paso pola facultade e entrar no colexio vaivos dar un novo apelido”, o de fisioterapeuta, salientou Paseiro, quen lembrou aos futuros titulados e tituladas que van entrar nun mundo que “implica unhas responsabilidades”, pero que tamén lles permitirá “sentirse realizados”, xa que “non hai nada máis agradecido que unha persoa cure grazas ao que fixeches”. Con respecto á profesión, Paseiro recoñeceu que “a inserción laboral que temos a día de hoxe é moi alta”, ao igual que a mobilidade dos profesionais que buscan un novo traballo “cunhas condicións mellores, desde un punto de vista económico e laboral ou de autonomía”, o que levou a incidir na importancia que de os novos e novas fisioterapeutas teñan "inquedanza por evolucionar”.

Coa idea de presentarlles diferentes camiños profesionais, a mesa acolleu intervencións como a de Alfonso Frieiro, supervisor do Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e profesor de estancias clínicas, que lles trasladou unha primeira visión de como é o traballo dos fisioterapeutas no Sergas e do funcionamento das listas de contratación nas que poden inscribirse. Nesa mesma liña, o profesor Daniel Soler achegoulles ao mundo do exercicio libre, relatándolles a súa experiencia á fronte dunha clínica en Vigo. Así mesmo, o egresado Daniel Ferreiro faloulles do seu traballo como profesional “especializado na fisioterapia respiratoria, tanto no ámbito hospitalario como a domicilio”, como explica Abalo, nunha intervención que buscaba pór o foco na especialización dentro da fisioterapia.

Por outra banda, a xornada permitiu tamén coñecer o labor do sindicato Satse, específico dos eidos da enfermaría e a fisioterapia, así como as iniciativas que impulsan para os seus colexiados e colexiadas en ámbitos como o formativo, da man da súa secretaria provincial, Emma Rodríguez. Do mesmo xeito, coa de que poidan optar a ofertas laborais no estranxeiro, a profesora Yoana González informoulles de como realizar o currículo Europass, mentres que a tamén docente da facultade Iria Da Cuña centrouse nas posibilidades que teñen para desenvolver a súa carreira no eido da docencia, tanto universitaria como en ciclos de formación profesional do eido sanitario. Así mesmo, a profesora Alejandra Alonso, que completou hai uns meses o seu doutoramento, informoulles dos pasos que deben realizar “se queren continuar a súa andadura formativa no ámbito da investigación”, como explicou Abalo.