DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a alumnado e titulados, desenvolverase do 18 ao 20 de outubro

Fisioterapia acolle un curso de iniciación ao manexo dun ecógrafo 

Esta tecnoloxía constitúe unha ferramenta de apoio para a diagnose

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/10/2019

A precisión que achega aos e ás profesionais á hora de coñecer o alcance dunha lesión e controlar a súa evolución fan que a ecografía musculoesquelética se estea convertendo nunha ferramenta cada vez máis empregada no eido da fisioterapia. Introducir a estudantes e titulados no manexo desta tecnoloxía é obxectivo central do curso complementario que a Facultade de Fisioterapia acollerá por primeira vez entre o 18 e o 20 de outubro. Dirixido polo profesor da facultade Gustavo Rodríguez, este I Curso de ecografía básica en fisioterapia: sonoanatomía será impartido polo delegado para Galicia da Sociedad Española de Ecografía en Fisioterapia (Seefi), Javier Teijeiro.

Xurdido do propio interese, explica Rodríguez Fuentes, tanto do alumnado como de titulados e tituladas por esta formación específica, trátase dun curso de 20 horas dirixido a amosarlles como un ecógrafo pode permitir ás e aos profesionais “pór ollos ás nosas mans”, como salienta Teijeiro. A sonoanatomía, engade este fisioterapeuta, podería definirse como “unha disección anatómica in vivo, sen usar bisturí”, que pode resultar de utilidade na diagnose, por exemplo, de lesións que afectan a músculos e tendóns. Non en van, o uso dos ultrasóns permite “ver a morfoloxía dos músculos, tendóns e paquetes vásculo-nerviosos que os acompañan”, contribuíndo a “corroborar ou desestimar as conclusións” obtidas na observación e valoración do paciente. 

No caso das lesións, trátase ademais dunha ferramenta “moi útil para ver o seu alcance e controlar a súa evolución”, que permite, por exemplo medir as súas dimensións e comparalas “co lado contralateral”, así como observar “como se comportan funcionalmente, algo moi interesante e que non soe verse noutras probas de imaxe”. A ecografía, engade Teijeiro, “achega unha precisión e exactitude que serían moi difíciles de alcanzar sen ela”, de cara á aplicación de técnicas como a punción seca, xa que permiten ver por onde se están a introducir as agullas que se empregan neste tipo de tratamento, contribuíndo deste xeito a evitar danos en “estruturas colindantes” coa zona lesionada.

O inicio dunha longa curva de aprendizaxe

Máis aló duns contidos teóricos introdutorios sobre a ecografía e as súa bases físicas, o curso terá un carácter fundamentalmente práctico, abordando nas súas tres sesións a optimización do ecógrafo e da imaxe e o traballo coa anatomía de ombro, cóbado, pulso, cadeira, xeonllo e nocello. Neste senso, Teijeiro incide en que “a curva de aprendizaxe da ecografía é moi longa”, de tal xeito que este curso centrarase en introducir aos e ás asistentes no traballo con estes equipos, nos “principios xerais da ecografía” e na lexislación aplicable neste eido, para logo “estudar morfofuncionalmente as principais estruturas das grandes articulacións das extremidades superiores e inferiores”. Neste senso, Teijeiro pon o acento que se trata dun curso de “nivel básico”, dirixido a “persoas que teñen pouca ou ningunha experiencia” no manexo deste equipamentos, xa que “realmente para unha optimización no seu manexo e para a localización e valoración de tecidos e estruturas máis complexas” é precisa unha maior experiencia e formación. De feito, o representante da Seefi explica que este curso corresponderíase co primeiro dos tres niveis que esta sociedade sinala necesarios para formarse en ecografía fisioterapéutica.