DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na vixésimo terceira edición dunha mesa dirixida a estudantado de último curso

Fisioterapia amosa múltiples camiños profesionais aos futuros titulados e tituladas

Coa participación de oito fisioterapeutas e docentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 25/05/2021

Do traballo por conta propia ao labor que poden desenvolver nos servizos de saúde, pasando por ámbitos nos que especializarse ou pola posibilidade de dedicarse á investigación e á docencia. A Facultade de Fisioterapia buscou este martes informar aos seus futuros titulados e tituladas dos múltiples camiños nos que poden desenvolver o seu labor unha vez rematen a súa etapa no centro na súa XXIII Mesa de saídas profesionais. Coordinado pola profesora Rocío Abalo, o evento combinou nesta edición as intervencións presenciais e virtuais e contou coa participación tanto de profesionais, parte deles formados no propio centro, como de docentes da facultade.

O obxectivo desta actividade, salientou a decana, Eva María Lantarón, é achegar aos futuros titulados e tituladas “unha visión clara dos diferentes ámbitos de traballo que ten a fisioterapia”, co obxectivo de axudar aos futuros e futuras profesionais a que “consigan traballar naquilo que máis lles motive”. Inserido no Plan de Acción Titorial da facultade, como sinala Abalo, trátase dun evento dirixido a alumnado de último curso que se desenvolve de xeito ininterrompido desde que a primeira promoción se atopaba a piques de rematar os seus estudos. Despois de que a covid-19 obrigase a levala a cabo o pasado ano de xeito virtual, nesta ocasión puido seguirse tanto na propia facultade como a través de Campus Remoto, espertando tamén o interese, como lembraba Lantarón, de ex-alumnos do centro.

Unha profesión “esencial” no eido sanitario

O presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Gustavo Paseiro, foi o encargado de abrir esta mesa afondando nas funcións do colexio e os servizos que pode ofrecer aos e ás profesionais. Ademais de achegarlles unha serie de recomendacións, Paseiro lembrou aos futuros titulados a “importancia” do seu labor no eido sanitario. “No momento no que estamos, é moi visible que se trata dunha profesión esencial, que a fisioterapia salva vidas e que a presenza dos fisioterapeutas na sanidade e no ámbito social é fundamental para que a sociedade avance”, salientou o presidente do Cofiga, que subliñou que “o sinal de identidade dos fisioterapeutas é que somos, ante todo, sanitarios”.

Como explica Abalo, esta mesa mantén cada curso “unha mesma liña” coa idea de informar dos pasos a seguir en diferentes ámbitos profesionais. Con esa idea, o encontro contou de novo coa participación do supervisor do Servizo de Rehabilitación do Chop, Alfonso Freiro, que abordou as diferentes vías de acceso ao traballo no Sergas, tanto a través de listas de contratación como do sistema de concurso-oposición, á vez que presentou os campos nos que estes profesionais poden desenvolver o seu labor dentro da sanidade pública. A egresada Laura Pérez, pola súa banda, centrouse no exercicio libre da fisioterapia “e na súa experiencia como autónoma”, como explicou a coordinadora da xornada. Tamén formado no centro, o especialista en fisioterapia respiratoria Daniel Ferreiro relatou a súa traxectoria neste eido co propósito de pór de relevo as posibilidades de especialización, mentres que a profesora Yoana González trasladoulles unha serie de claves para a realización do currículo Europass, co que poder optar a ofertas laborais no estranxeiro.

Máis aló da docencia, a mesa detívose nas posibilidades para os graduados e graduadas no eido da investigación, da man da docente e alumna de doutoramento Alejandra Alonso, e da docencia tanto na universidade como en ciclos formativos da área sanitaria, na intervención da profesora Iria Da Cuña. Por outra banda, como lembra Abalo, esta actividade busca incorporar cada ano novos ámbitos que poidan ser de interese para os futuros graduados e graduadas. Con ese propósito, sumou nesta edición a participación da secretaria provincial do sindicato Satse en Pontevedra, Emma Rodríguez, que buscou, explicou, informarlles en primeiro termo “de que é un sindicato e en que pode serlles de utilidade”, así como achegarlles ao labor que, neste caso, desenvolve un sindicato profesional específico dos eidos da enfermaría e a fisioterapia.