DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola conmemorou ademais o 25 aniversario do fin dos estudos dos primeiros egresados e egresadas

Fisioterapia e a EE Forestal despiden as súas novas promocións

Enfermaría tamén celebrou a súa graduación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/06/2019

41 novos e novas fisioterapeutas e 34 novas e novos enxeñeiros forestais formados no campus festexaron na tarde do venres o remate dunha etapa académica nos actos de graduación da Facultade de Fisioterapia e da Escola de Enxeñaría Forestal, centrou que conmemorou tamén o 25 aniversario da súa primeira promoción. Neste venres de despedidas, tamén a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade de Vigo, celebrou a graduación das e os 44 integrantes da súa sexta promoción.

A EE Forestal mira cara o pasado e cara o futuro

Preto dun cento de titulados e tituladas das primeiras promocións sumáronse ao acto no que a EE Forestal recoñecía tanto a 18 integrantes da súa sexta promoción de graduados e graduadas, por primeira vez con maioría feminina, como a 16 egresados e egresadas que completaron os seus estudos de 2018. Tratábase, de feito, dun acto que tamén miraba cara o pasado, para celebrar os 25 anos dende que completou os seus estudos a primeira promoción de enxeñeiros técnicos forestais do centro. O seu director, Juan Picos; Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus; Ignacio Lema, director da Axencia Galega de Industria Forestal, e José Fernando Enjamio, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, presidiron un  acto que abriu un recoñecemento a Fernando Molina, primeiro director do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e fundador da Asociación Forestal de Galicia, unha persoa “que xa nos anos 50 reivindicaba que Pontevedra debía contar con estudos universitarios de enxeñaría forestal”. O ex-profesor da escola e ex-director tamén do CIF de Lourizán, José Antonio Vega, exerceu como padriño da promoción que celebraba o seu 25 aniversario, en nome da que interviñeron Santiago Recamán e Inmaculada Rial, mentres que Manuel Viso e Yolanda Merchán representaron as novas promocións de graduados e graduadas, que tiveron como madriña a Xana Álvarez. 

Neste encontro, o director da EE Forestal puxo en valor as reivindicacións dos primeiros alumnos e alumnas da escola para que se construíse o que sería o primeiro centro do campus, á vez que a implicación e capacidade de liderado das novas promocións, “que foron unha parte fundamental da escola” nestes anos. “Celebramos que estamos nunha escola polo que houbo moito que loitar, que cumpre 25 anos de produción tralos que seguimos intentando ser un centro que mellora en cada momento”, salientou Picos, que lembrou a recente consecución do selo internacional de calidade EUR-ACE.

Décima promoción de graduados en Fisioterapia
 

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebraron o venres o remate dos seus estudos as e os 41 integrantes da décima promoción de graduados e graduadas en Fisioterapia, que tiveron como madriña e padriño académicos aos docentes Iria da Cuña e José Manuel Pazos. Ademais das súas bandas e diplomas, os novos e novas tituladas recibiron tamén neste acto o recoñecemento do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; do comisionado de Novos Proxectos da Universidade de Vigo, Óscar Rubiños, e da decana, Eva María Lantarón.

“Cada un de vós sodes parte desta facultade e o meu desexo é que levedes o seu nome con orgullo”, trasladoulles Lantarón aos novos titulados e tituladas, aos que lembrou que o tempo medio que tardan os egresados en atopar un emprego sitúase “entre un e tres meses”. Ao mesmo tempo animounos a explorar especialidades e a “prestixiar o voso traballo dándolle o valor que se merece”. A decana incidiu tamén en que o centro foi destacado neste 2019 “como a segunda mellor facultade de España e a primeira de Galicia” no U-ránking da Fundación BBVA, “algo polo que todos nos debemos sentir orgullosos, porque esta facultade constrúese entre todos”. Lantarón tamén remarcou a “estreita colaboración” entre Fisioterapia e a cidade, por exemplo, a través da cooperación das unidades de voluntariado en eventos deportivos.

Graduación tamén en Enfermaría

 

Na tarde do venres tamén celebraron a súa graduación 40 novas graduadas e catro novos graduados da Escola Universitaria de Enfermaría, que estiveron acompañadas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director da escola, Miguel Ángel Piñón, e a presidenta do seu padroado da escola, Eva Vilaverde. O acto celebrado no Pazo Provincial completouse coas intervencións de Alba Ces en nome da promoción e de Marta Rey, que expuxo o seu traballo de fin de grao Estigma da enfermidade mental na Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra.