Nela, catro traballos de fin de mestrado optarán a un premio ao mellor estudo
Fisioterapia impulsa unha xornada para promover e difundir a investigación sobre exercicio terapéutico
Aberta a estudantes e profesionais, terá lugar o 14 de novembro
Impulsar a investigación sobre a prescrición de exercicio físico na abordaxe de diferentes patoloxías, así como darlle visibilidade aos estudos que na facultade se desenvolven neste eido. Eses son os dous obxectivos da primeira xornada sobre exercicio terapéutico, que a Facultade de Fisioterapia promove este xoves 14 de novembro. Dirixida tanto o alumnado da facultade como a titulados e tituladas, no programa desta actividade insírese a presentación de catro estudos realizados como traballos finais no Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, que optarán ao premio á mellor investigación.
“As xornadas son unha maneira de darlle difusión á investigación en exercicio terapéutico”, destaca a profesora Esther Monge, coordinadora dunha actividade que nace con vocación de continuidade e co obxectivo de ir medrando en futuras edicións, como un xeito de “impulsar a investigación” centrada no uso do “exercicio físico para a abordaxe e o tratamento de lesións e patoloxías”. Aberta tanto o alumnado de grao e posgrao como a profesionais, trátase dunha xornada gratuíta e con inscrición previa para a obtención dun certificado de asistencia.
Unha conferencia e unha “competición de estudantes”
A I Xornada Exercicio terapéutico en fisioterapia terá lugar este xoves 14, ás 16.00 horas, na aula magna da facultade, e será inaugurada pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Como explica Monge, esta edición bota a andar co formato que prevén repetir en futuras edicións. Neste combínanse as conferencias de expertos e expertas cunha “competición de estudantes” do mestrado, que deberán realizar “unha comunicación oral” na que presenten as principais conclusións dos seus traballo de fin de máster (TFM), “que son investigacións relacionadas co exercicio terapéutico” e coas optarán a un premio.
Seguindo ese esquema, a xornada arrancará cunha conferencia do profesor da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid Diego Fernández, sobre exercicio terapéutico e novas tecnoloxías en materia de neurorrehabilitación. Acto seguido, comezará a presentación de catro TFM, seleccionados por contar coas mellores cualificacións, do Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia. Posto en marcha no curso 2022/2023, trátase dun posgrao que facilita ao alumnado a adquisición das competencias necesarias para realizar unha análise crítica do nivel de evidencia científica sobre o exercicio terapéutico, que desenvolve actualmente a súa terceira edición.
Tres dos estudos, explica Monge, constitúen revisións das diferentes investigacións publicadas ata a data sobre unha determinada temática. Ese é o caso do traballo de Xeila Tasende sobre a eficacia dos programas de forza muscular para a redución da dor en pacientes con fibromialxia; do estudo de Hugo Rodríguez sobre os efectos do exercicio en contornas acuáticas en persoas con hipertensión arterial, e da investigación sobre o emprego da realidade virtual para prescribir actividade física a pacientes con trastornos vestibulares periféricos ou centrais de Candela Rocío Lage. Por último, a egresada Mélodie López presentará os resultados do estudo piloto sobre o efecto dunha intervención en fisioterapia baseada en exercicio terapéutico sobre o benestar psicolóxico de mulleres vítimas de violencia machista, levado a cabo dentro dun proxecto de investigación coordinado por Lorenzo Justo, que o grupo FS1 desenvolveu ao abeiro dun programa de axudas financiado pola Deputación de Pontevedra.