DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fisioterapia moderniza a súa imaxe nunha nova web

Cunha reorganización e actualización dos contidos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 03/03/2008

Co obxectivo de aportar unha información constantemente actualizada aos estudantes, a Escola Universitaria de Fisioterapia renovou a súa páxina web, ofrecendo agora unha imaxe máis moderna e unha reorganización dos contidos. O proxecto forma parte das propostas que o director do centro, Manuel Gutiérrez Nieto, fixo para o seu recente mandato, esperando que “teña unha acollida tan boa como a anterior e que cumpra cos obxectivos da súa creación”, segundo comentou.
O cambio da páxina, a principal ferramenta coa que conta o centro para difundir a súa información ante a comunidade universitaria, era unha das demandas que os alumnos viñan facendo desde tempo atrás. “Non sabía que xa temos unha nova web, pero penso que é importante para poder coñecer os cursos e as actividades que se van facer”, comentou unha alumna do terceiro curso da Diplomatura de Fisioterapia, e engadiu que “moitas veces non participamos en seminarios e outras iniciativas porque non nos decatamos de que se van a realizar”.

Un intenso traballo

Actualizar os contidos da web dun dos centros con máis actividades extraescolares do campus, como é a Escola Universitaria de Fisioterapia, non é un traballo sinxelo senón que os encargados de facelo levan no proxecto varios meses. A nova páxina recolle a información máis relevante referida ao calendario académico, exames, horarios, programas das materias resumidos, titorías, organización das estancias clínicas, así como información das institucións concertadas onde se realizan.
Todos aqueles que queiran coñecer un pouco máis sobre este centro, poden visitar a súa dirección http://webs.uvigo.es/webeuf/index.html