DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acolleu unha xornada inserida na campaña de sensibilización do Cofiga

Fisioterapia pon o foco nas situacións de acoso que sofren as e os profesionais

O centro celebrou tamén a súa 21 mesa de saídas profesionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/05/2019

Nunha enquisa realizada polo Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga) a 174 profesionais, máis do 70% afirmaron ter padecido algunha situación de acoso sexual, abuso ou discriminación no exercicio da súa profesión, das que só un 12% foron denunciados. Visualizar e sensibilizar respecto dos casos de discriminación e acoso sexual que as e os profesionais da fisioterapia sofren na súa contorna laboral é o obxectivo co que o Cofiga impulso a campaña Neste conto só cabe un final, no que se enmarca a xornada que na tarde deste xoves se desenvolveu na Facultade de Fisioterapia e na que se informou ao alumnado de como actuar fronte a un caso de acoso, así como das reaccións emocionais e psicolóxicas que produce. Esta xornada viuse precedida, pola XXI Mesa redonda sobre saídas profesionais, na que docentes e profesionais achegaron aos futuros titulados e tituladas unha serie de información e recomendacións de cara a súa saída ao mundo laboral.

Dos efectos emocionais ás vías legal, laboral e colexial

O presidente do Cofiga e ex-alumno da facultade, Perfecto Pampín, abriu esta a xornada sobre o acoso afondando nas motivacións dunha campaña que leva por título Neste conto só cabe un final. Respecta o meu traballo, que parte á súa vez do movemento que, a raíz do #metoo, xurdiu a finais de 2018 en redes sociais, nas que, baixo o hastag #metooFisio, numerosas profesionais denunciaron publicamente as situacións vexatorias que experimentan no seu labor diario. 

As reaccións emocionais e psicolóxicas que con maior frecuencia experimentan as vítimas deste tipo de episodios foron o eixo da intervención da psicóloga Nuria Salgado, quen explicou quen explicou que, “polo xeral, nun primeiro momento é frecuente sentir bloqueo ou negación e logo é normal sentir unha certa sensación de medo ou ansiedade, porque non deixa de ser unha situación de ameaza”. Enfado, vergoña ou culpa forman así mesmo parte dunha serie de reaccións emocionais que, salientou esta psicóloga xeral clínica, “é interesante saber recoñecer, non tanto porque sexan razoables, xa que non teñen que ver con ter feito algo mal”, senón porque ese recoñecemento axuda á vítima a interpretar o que lle aconteceu. Do mesmo xeito, Salgado tamén incidiu neste coloquio na importancia que ten para as vítimas, “apoiarse na súa contorna, contar o que lle ocorreu, porque lle axuda a avaliar a situación dunha forma obxectiva”, xa que, explicou, este tipo de episodios pode levar ás e aos profesionais “a empezar a dubidar do seu rol profesional, a pesares de que non son resultado da súa praxe”.

Salgado incidiu tamén na importancia que ten, desde o punto de vista emocional, coñecer das canles legais das que dispoñen para evitar unha sensación de “indefensión”; canles que foron abordados pola avogada do Cofiga Lara Otero, quen informou ao alumnado de como actuar ante un caso de abuso, agresión sexual ou acoso laboral. Concretamente Otero puxo o foco nas vías legal, laboral ou penal, “que poden ademais utilizarse á vez”, lembrando nese senso como as situacións de acoso sexual ou laboral “poden denunciarse cando existen de maneira continuada, se se repiten no tempo”, xa que do contrario consideraríanse como casos de abusos, o que sumado á que a penal “é unha vía máis longa que ten un custos a nivel emocional” contribúe, apuntou, a que moitos casos non se denuncien. No caso da vía laboral, dentro da propia empresa ou a través da inspección de traballo, esta só podería exercerse no caso de que o acoso fose causado por compañeiros ou superiores e podería dar lugar a que se despida ao profesional que causou o dano, mentres que a colexial limitaríase a casos nos que o acoso fose exercido por outro fisioterapeuta, ao que o Cofiga abriría un expediente que podería dar lugar á súa expulsión do colexio, “o que fai que na práctica estean inhabilitados”, apuntou a avogada, quen non obstante incidiu en que no caso das e os fisioterapias “gran parte” destes episodios son causados por pacientes. 

Diferentes opcións ante o inicio dun novo camiño

Esta xornada viuse precedida por unha nova edición da mesa sobre saídas profesionais que o centro celebra desde que o ano no que a súa primeira promoción de titulados e tituladas completaba os seus estudos. Dirixida ao alumnado de cuarto curso, esta mesa ten como obxectivo que os futuros graduados e graduadas “vexan diferentes opcións profesionais, porque normalmente pensan só en traballar nunha clínica ou para o Sergas”, apunta Rocío Abalo, coordinadora dunha actividade inserida no Plan de Acción Titorial da facultade e que contou coa participación de docentes e de profesionais formados no centro. Como explica Abalo, a mesa aborda en cada edición cuestións como as posibilidades laborais que achega a rede europea Eures e a realización do currículo Europass co propósito de poder optar a ofertas laborais no estranxeiro, eixos da intervención da profesora Yoana González; así como aspectos legais que deben ter en conta para o exercicio profesional, como a obrigatoriedade de colexiarse, aspecto no que incidiu a docente Iris Machado.

A mesa sumáronse tamén nesta edición contidos como a investigación, vía na que afondou a egresada e doutora pola Universidade de Vigo Irimia Mollinedo. “Debido a que a figura do fisioterapeuta ten moita demanda no mundo laboral, a maioría dos novos graduados pensan só en traballar”, recoñeceu a investigadora do grupo HealtyFit quen incidiu en que os estudios de posgrao permiten ter "un coñecemento máis amplo sobre a investigación e a evidencia científica” que pode axudar na fisioterapia clínica á vez abre outras portas profesionais, como a docencia. Os pasos precisos para traballar neste eido, tanto na universidade como en ciclos formativos, foron abordados pola profesora Iria Da Cuña, mentres que o supervisor do Servizo de Rehabilitación do CHOP Alfonso Frieiro presentou as diferentes vías de acceso ao traballo no Sergas, tanto as listas de contratación como o sistema de concurso-oposición. Fieiro abordou tamén os “diferentes campos de traballo” destes profesionais dentro da sanidade pública, desde a atención primaria á atención especializada, en “unidades de fisioterapia cardiorrespiratoria, traumatolóxica, neurolóxica, en afeccións do chan pélvico ou nas unidades de coidados intensivos”.

O ámbito da especialización foi por outra banda o eixo da intervención do egresado Daniel Ferreiro, especialista en fisioterapia respiratoria, quen defendeu que “o futuro da profesión pasa pola especialización e o recoñecemento das especialidades en fisioterapia”, achegando así mesmo a súa propia experiencia de traballo con empresas de terapia respiratoria domiciliaria, nas que “o campo de competencias do fisioterapeuta é moi amplo”. Tamén formada na facultade, a profesora María Rodil sumou a súa experiencia como traballadora autónoma, á vez que aconsellou aos futuros e futuras tituladas a que, “antes de abrir un negocio ou emprender” traballen "en diferentes ámbitos e especialidades clínicas", co propósito tanto de ampliar a súa formación como “atopar que é o que máis lles gusta”.