DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a estudantes e titulados, desenvolverase entre o 5 de febreiro e o 6 de marzo

Fisioterapia promove un curso sobre as aplicacións terapéuticas do pilates

Centrado no seu uso no tratamento de diferentes patoloxías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/01/2022

No tratamento de múltiples patoloxías, como lumbalxias, cervicalxias, artrite, artrose ou osteoporose, o pilates pode converterse nunha ferramenta terapéutica para as e os profesionais da fisioterapia. Ampliar a formación, tanto do alumnado como de titulados e tituladas, nas aplicacións deste método no eido clínico é o obxectivo central do curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas, que a Facultade de Fisioterapia promove entre o 5 de febreiro e o 6 de marzo. Dirixido polo profesor Gustavo Rodríguez Fuentes e impartido polo fisioterapeuta Sebastián Jesús Aboal, trátase da sexta edición deste curso de 60 horas, que mantén aberta a súa inscrición e que se levará a cabo nas fins de semana nas instalacións do Centro Impact Fitness de Pontevedra.

Mais dun cento de estudantes e profesionais téñense formado nas anteriores edicións deste curso, inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da UVigo e aberto a titulados e tituladas e a alumnado de terceiro e cuarto curso do Grao en Fisioterapia. De carácter fundamentalmente práctico, esta actividade mantén o programa de edicións anteriores, coas actualizacións sobre “a progresión e planificación ao que hoxe nos mostra a evidencia sobre o exercicio terapéutico”, sinala Aboal. Aberto a un máximo de 14 asistentes, o curso contará novamente cunha serie de medidas, como o traballo con subgrupos pechados, motivadas pola covid-19, que, engade o seu responsable, obriga tamén a “maximizar as medidas de seguridade, distancia, desinfección e ventilación”. 

Fundamentos e aplicacións

Dirixido a coñecer “os fundamentos do traballo en chan co método pilates, aplicado ao eido clínico”, esta actividade formativa ábrese cun bloque de contidos teóricos dirixido a afondar na orixe e principios deste método, os principios para programar e dirixir unha sesión e as precaucións e contraindicacións que os profesionais deben ter en conta de cara a súa aplicación con pacientes. O pilates, como lembran os responsables do curso, permite traballar o aumento da flexibilidade e da forza muscular, así como do equilibrio e a postura corporal e a súa aplicación no eido clínico céntrase principalmente en “patoloxías musculoesqueléticas”, como sinala Aboal. Non obstante, entre os contidos deste curso figuran tamén as súas “aplicacións neurolóxicas”, con persoas afectadas por párkinson ou esclerose múltiple. Así mesmo, nesta edición incorporase tamén a esta actividade “un achegamento ao tratamento da dor crónica, no que o pilates, en fases iniciais, terá moito que achegar”, sinala Aboal. 

Tras o bloque teórico inicial, o curso comprende unha serie de módulos prácticos dirixidos a abordar as bases biomecánicas e anatómicas do método e a súa aplicación práctica, así como a abordaxe de máis de 50 exercicios básicos, intermedios e avanzados de pilates en solo, xunto coas súas progresións e adaptacións. “Unha das partes máis importante do curso é precisamente esta, a aprendizaxe de estratexias para poder adaptar cada exercicio ao paciente e desta forma conseguir os mellores resultados con cada un”, sinala Aboal. A realización de exercicios con material complementario e a preparación de sesións individuais e grupais forman parte tamén dos contidos deste curso, que centrará as últimas sesión na abordaxe de casos clínicos, cos que o alumnado “pode valorar, razoar e aplicar os principios e exercicios de pilates en distintos pacientes”, salienta o seu docente.