DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 9 de abril

Fisterra, último destino das rutas culturais dedicadas ao Ano Xacobeo

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 05/04/2022

A programación de rutas culturais deste cuadrimestre da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo remata este sábado, 9 de abril, coa realización dunha etapa do Camiño Fisterra-Muxía. Con ela culminará unha programación que estivo dedica a realizar etapas de cinco dos Camiños a Santiago, coincidindo coa conmemoración de 2022 como Ano Xacobeo.

A andaina, de dificultade media-baixa, terá unha distancia de 17,1 quilómetros. “Ás nosas costas chegou o Apóstolo Santiago nunha barca de pedra e nas nosas costas rematará esta peregrinación polos Camiños de Galicia. Partimos da vila mariñeira de Cee, pasamos por Corcubión e chegaremos a Fisterra, que tamén chaman "a fin da terra" ou "a fin do mundo". Que mellor lugar para poñer fin tamén á nosa aventura?”, sinalan desde a organización. José García Calvo, Willy, coordinador destas rutas culturais desde o campus de Ourense, apunta que será “unha ruta moi bonita, ao carón do mar, con praias e calas marabillosas”.

Inscrición

Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición teñen prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela. Así, a inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. O prezo varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais.

Peche de programación

Será a novena e última ruta cultural deste curso académico 2021/2022 e a quinta da programación dedicada aos Camiños a Santiago, xa que anteriormente realizáronse etapas do Camiño Portugués pola Costa; o Camiño Miñoto Ribeiro; o Camiño Augas Sacras e o Camiño Francés. Pendente aínda de ver os resultados desta última andaina, José García Calvo destaca “a extraordinaria acollida” que tiveron estas rutas dedicada ao Ano Xacobeo, apuntando como en cada unha delas participou unha media de 85 persoas.

“Estamos moi satisfeitos. Aumentou a participación cualitativamente pero tamén cuantitativamente”, sinala o coordinador dos roteiros. Así, detalla, ademais de incrementarse a cifra de inscritos tamén aumento a súa diversidade xeracional, habendo arredor dun 20% máis de alumnado universitario. Aínda que o carácter interxeracional das rutas é unha das súas características diferenciais e un dos seus valores, desde a súa organización destacan a importancia de que tamén a xente nova se involucre nesta actividade. Sobre esta boa acollida, José García Calvo apunta que se pode deber ao confluír de diversos factores, desde o atractivo das propostas e a boa organización por parte de Xeitura dos roteiros ata o feito de que despois da pandemia da covid-19 “a xente ten moitas ganas de socializar e de participar neste tipo de actividades, de ocio ao aire libre e en grupo”.