DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do campus de Pontevedra:

“Este foi o ano de ordenar o campus e a vicerreitoría, para que funcione no futuro”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI DUVI 03/12/2007

Catedrático, director de departamento, decano da Facultade de Belas Artes e, dende hai algo máis dun ano, vicerreitor do campus de Pontevedra. Cunha traxectoria fulgurante ás súas costas, Jesús Hernández defínese como un “animal universitario”. Para el, a universidade é a mellor plataforma para o desenvolvemento do coñecemento libre.
O campus do que é máximo responsable caracterízase, segundo Hernández, pola gran potencialidade das súas titulacións e pola estreita relación entre sociedade e cultura. “Aquí hai unha maior capacidade de sinerxias e de facilidades para establecer parámetros de ti a ti coa cidadanía”, apunta.

Como valoraría este primeiro ano de goberno?
Moi positivo. Neste período, ademais da fixación de obxectivos que temos politicamente como compromiso electoral, quixemos que o campus de Pontevedra, independentemente do equipo directivo que estea ao fronte, teña unhas estruturas consolidadas e definidas. Eu resumiríao como o ano de ordenar o campus e a vicerreitoría para que funcione, en proxectos, os vindeiros anos.

Que se ten conseguido para o campus neste período?
Ademais de rematar as fases de construción da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que estaban previstas, así coma o inmediato inicio das que estaban proxectadas, o que conseguimos este ano foi converter ao campus nun punto de referencia. E dicir, un lugar onde os directores, decanos e centros poidan estruturar o seu funcionamento e peticións derivadas doutros servizos. O papel da vicerreitoría, nese senso, é facilitar toda esa labor que antes estaba centrada no campus de Vigo.

Cales son os novos retos?
Actualmente estamos traballando nunha programación ben estruturada de extensión universitaria. Para isto, é imprescindible a Casa das Campás como eixo artellador. O ano pasado xa organizamos e financiamos administrativamente dende aquí todos os cursos e obradoiros. Agora falta a parte da nosa proxección como vicerreitorado e unha maior visibilidade dentro da cidade.

Que hai dos proxectos inmediatos?
En canto a infraestruturas temos previsto para o 2008 unha gardería e un proxecto de urbanización do campus, conxunto con plan de Campusvedra, que é toda unha relación paisaxística, enerxética e ecolóxica asociado á propia construción.
No que se refire á cultura este outono, o campus ven de ser sede dos Xogos Galaico-Durienses, un evento deportivo entre universitarios de Galicia e o Norte de Portugal que xuntou na cidade arredor de 300 deportistas. Tamén están recentes as xornadas Chámalle X e o desfile da titulación de Deseño Téxtil e Moda. Xa para a primavera, queremos que a Casa das Campás sexa un fervedoiro de actividades coa continuidade dos Xoves de Moda, xornadas de música, danza e teatro, e un ciclo sobre o cine de Tarkovski.

E para os vindeiros anos?
Un dos proxectos que queremos pór en marcha, a través da creación dunha aula de formación permanente na sede da vicerreitoría, é o programa Rodamos. Unha iniciativa similar a Ensaiamos pero relacionado coa gravación e edición de imaxes audiovisuais, dando así resposta ás titulacións que se ofrecen no campus.
Tamén queremos crear un ciclo no que diversos escritores e artistas nos falen das súas perspectivas e experiencias no mundo da arte e literatura.

Ángeles Hermida acaba de ser nomeada vicexerente. Cal vai ser o seu papel dentro da vicerreitoría?
Esta é unha boa nova, xa que nos axudará a reducir e axilizar os trámites administrativos. É importantísimo para nós para poder empezar co proceso de descentralización respecto do campus de Vigo.

No ano 2010 as titulacións deben estar adaptadas ás directrices que marca o plano de Boloña. Como afronta o campus de Pontevedra a incorporación a este Espazo Europeo de Educación Superior?
Como todo cambio asusta un pouco, pero creo que se o sabemos facer vai ser un cambio fascinante. Será unha gran vantaxe para os graduados e posgraduados xa que terán un mercado de traballo moito máis amplo.