DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convocada este mércores nas tres universidades galegas polos CAEF

Folga estudiantil para demandar a paralización da suba das taxas académicas

Rexeitan o incremento aprobado pola Consellería de Educación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/10/2007

Os estudantes da Universidade de Vigo, ao igual que os de Santiago e A Coruña, están convocados este mércores 31 de outubro, polos Comités Abertos de Escola e Facultade (CAEF), a unha xornada de folga en contra da suba das taxas académicas.Os CAEF denuncian que a suba aprobada pola Xunta, 2 puntos por riba do IPC galego e 1,6 por riba do español, é excesiva, algo que ademais, afirman, se mantén nos últimos seis anos que se corresponden con toda a lexislatura pasada do PP e o que vai desta co PSOE na Consellería de Educación.
Francisco Quintela, responsable dos CAEF en Vigo, lembra que “levamos anos intentando que as taxas non suban na medida que o están facendo. O ano pasado o IPC foi do 2% en Galicia e o xusto sería que a suba fose igual e non de un 4% que foi o que se aprobou”.
Quintela, que tamén denuncia que a Xunta non ten control sobre as bolsas que eximen de pagar as taxas, considera especialmente grave que “este ano a suba foi moito maior que en anos anteriores no caso da segunda matrícula que se incrementa respecto á primeira un 15%. A terceira que antes se aumentaba un 25% este ano chega ao 35, mentres que a cuarta, a partir de agora, aumenta un 50%”. Sobre esta cuestión Óscar Méndez, membro dos CAEF en Vigo, destaca que “polo menos, cando soubemos da medida presentamos no consello de Goberno da Universidade de Vigo unha petición para que se anulase a obrigación de ir arrastrando as matrículas de todas as materias que tiñas suspensas, o que facilita algo á hora de escoller e non ir sumando matrículas innecesariamente coa penalización que supón”.

Chamada á participación

Os CAEF que cifran en 120 euros a suba experimentada na matrícula, nos últimos cinco anos, afirman que lonxe de mellorar e aumentar, os servizos decreceron e empeoraron. Aínda así, Francisco Quintela considera que” a xente está bastante desmobilizada e non está moi concienciada coa problemática da universidade”. Pola súa banda, Óscar Méndez engade que “levamos moitos anos pedindo o mesmo e facendo cousas como recollida de sinaturas, pero nunca se fixo máis nada. Esta é unha campaña a nivel nacional e a resposta pode ser bastante boa”.
Durante as últimas semanas, os CAEF, desenvolveron asembleas en diversos centros do campus coa finalidade de explicarlle aos alumnos en que consiste esta suba de taxas e o que supoñen para os alumnos.
Óscar Méndez apunta que “o que lle pedimos á xente é que secunden a folga e que non asistan a clase. Cantos máis fagan isto, maior repercusión terá, e a ver se de unha vez se decatan os de arriba. Á administración pedímoslle que pense as cousas dúas veces e que se poña na perspectiva do alumno.Que non boten man de escusas e intenten non subir as taxas por riba do que sería normal que é o IPC”

Accións de protesta

A xornada de folga convocada para o mércores estará acompañada doutras reivindicacións, por exemplo no caso de Pontevedra. Alí os estudantes están convocados a partir das 12:00 a unha caceirolada ante o edificio da delegación da Consellería de Educación, na Alameda.
No caso de Santiago e A Coruña, os estudantes mobilizaranse na Praza do Toural e nos Novos Ministerios, respectivamente. Ademais os CAEF están a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas contra a suba das taxas, sinaturas en entregarán na Consellería de Educación.
Precisamente, Francisco Quintela invita ás autoridades educativas a que” tomen unha decisión acorde aos nosos desexos e os da maioría dos estudantes”.