DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Asociación Galega da Empresa Familiar asinaron hoxe a renovación do convenio 

Folgos renovados para a Cátedra de Empresa Familiar tras 14 anos de actividade 

Elena Rivo será a codirectora, xunto ao catedrático Santiago Lago 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 18/10/2019

Segundo o último informe da Asociación Galega da Empresa Familiar, en Galicia o 92,4% das empresas son familiares. Trátase, na súa meirande parte, de microempresas que, no seu conxunto, achegan o 85% do valor engadido bruto (VEB) empresarial galego e concentran o 83,3% do emprego privado do país (preto de 380.000 empregos). Coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos e das actividade das empresas familiares en Galicia nacían, no ano 2005 nas universidades galegas, as cátedras de empresa familiar, unha iniciativa que transcorridos 14 anos renova os seus obxectivos, coa sinatura esta mañá dun convenio entre a Universidade de Vigo, a Asociación Galega da Empresa Familiar, Inditex e o Instituto de la Empresa Familiar. “No ADN da Universidade está a colaboración coas empresas e entendemos que esa colaboración público-privada é un acto de primeira magnitude que nos permite mellorar o país”, dixo o reitor, Manuel Reigosa, no acto de sinatura, no que agradeceu a confianza depositada pola Asociación Galega da Empresa Familiar na institución académica, así como o traballo desenvolvido polas investigadores e investigadores que traballan neste ámbito, no que as empresas pertencen nunha porcentaxe maioritaria a unha familia.

Pola súa banda, Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, manifestou a súa satisfacción polo traballo que se está a desenvolver a través da cátedra, que considera “un exemplo de colaboración entre empresa e universidade e mesmo un exemplo dentro da Asociación Española de Empresa Familiar”. Nogueira explicou que, ao abeiro da cátedra, que conta cun financiamento anual de 25.000 euros durante catro anos, desenvolverase “un amplo espectro de actividades de tipo formativo, de investigación e científico, co obxectivo de dar un paso máis no plan de difusión da empresa familiar como elemento de desenvolvemento económico e social de Galicia”. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar tamén avanzou que, co obxectivo de dar a coñecer o que son e as actividades que desenvolven as empresas familiares entre as e os cativos, a asociación poñerá en marcha en centros de Primaria e Secundaria un programa denominado A empresa familiar nas aulas, “unha iniciativa que se pon en marcha, vista a boa experiencia de colaboración coa Universidade de Vigo”.

Fomento e reflexión para mellorar o coñecemento sobre a empresa familiar

Os profesores da Universidade de Vigo Santiago Lago e Elena Rivo codirixirán a Cátedra de Empresa Familiar, que centrará a súa actividade na difusión do coñecemento da empresa familiar e a promoción do emprendemento entre as e os novos empresarios. Ademais da creación dun fondo bibliográfico e documental sobre materias e disciplinas específicas relacionadas coa empresa familiar, a cátedra organizará actividades, seminarios e conferencias destinados a fomentar a reflexión e o debate, para acadar unha mellora dos coñecementos sobre a empresa familiar. 

“O apoio da Asociación Galega da Empresa Familiar ás cátedras das universidades galegas é exemplar e non o fai ningunha outra asociación territorial, como podemos comprobar cando temos reunións a nivel estatal” explica o catedrático Santiago Lago, que destaca a importancia do vínculo que mantén a Universidade de Vigo coa asociación empresarial galega. Lago, que incide na importancia de que Vigo sexa a universidade que coordinará as cátedras das tres universidades galegas, tamén destaca o feito de que Elena Rivo se incorpore á codirección da cátedra. Pola súa banda, a docente e investigadora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing destaca en relación co convenio asinado hoxe “a creación dunha comisión de seguimento, formada de xeito paritario polas entidades asinantes do acordo, para avaliar a xestión das actividades e asegurar so seu cumprimento”, sinala Rivo.