DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambos os dous certificados disporán do CSV e o selo da Universidade 

Folla de servizos e certificado de docencia para o PDI, agora tamén virtuais

No caso da folla de servizos terá ademais control mediante móbil 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mº del Carmen Echevarría DUVI 12/12/2019

O Persoal Docente e Investigador (PDI) da Universidade de Vigo pode desde hoxe obter a súa folla de servizos e o certificado de docencia a través da secretaría virtual. Co obxectivo de “eliminar burocracia e simplificar procedementos de xeito progresivo, o equipo de goberno, contando coa colaboración dos Servizos Informáticos e Profesorado habilita esta posibilidade, que é un paso importante”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés. En ambos os dous casos a posta en funcionamento desta opción virtual evitará que o PDI dos tres campus teña que realizar a solicitude a través do rexistro e agardar as sinaturas do secretario xeral e do vicerreitor de Profesorado, unha tramitación que se pode alongar uns 15 días.

As follas de servizos obtidas a través da nova tramitación virtual terán, ademais do código seguro de verificación (CSV), control mediante móbil, para preservar os datos persoais, como ocorre no caso das actas académicas, “un proceso no que se produciu un avance moi importante, pasando do 50 ao 90% de aceptación”, destaca o vicerreitor. Pola súa banda, o certificado de docencia tamén disporá do CSV, pero non de control mediante móbil ao non conter datos persoais, como ocorre no caso das follas de servizos, un documento necesario para acreditar períodos de servizo, categorías docentes ou investigadoras e dedicacións para participar en concursos, acreditacións ou avaliacións.

Aplicable a máis procedementos masivos para PAS e PDI 

“Estender este servizo a procedementos masivos, tanto para o PDI, como para o PAS é a intención do equipo de goberno”, aseguran desde as vicerreitorías de Planificación e Sostibilidade e de Ordenación Académica e Profesorado, que agradecen a colaboración de todos os servizos implicados neste proceso, que permitirá ao PDI acceder as súas follas de servizo e certificados de docencia desde o ano 2011. De xeito progresivo se irán habilitando os certificados correspondentes a datas anteriores, así como outro tipo de certificados que de xeito habitual precisa, tanto o PAS, coma o PDI. Así mesmo, para que o prefira, seguirá en vigor o sistema de petición destes certificados a través de rexistro.