No seminario ‘Novos desafíos relacionais na literatura e na cultura contemporáneas’
Fomentando o diálogo interdisciplinario sobre como a literatura e outras formas de cultura responden aos cambios sociais
Ata mañá no edificio Redeiras, organizado pola UVigo e Pandora Literary Gender Studies
Unha trintena de persoas chegadas de diferentes países participan este xoves e venres no edificio Redeiras no seminario Novos desafíos relacionais na literatura e na cultura contemporáneas, unha iniciativa dirixida polos investigadores predoutorais Iago Rodríguez Diéguez da UVigo e Clàudia Martori Ribalta da Universitat de Barcelona, coorganizado pola asociación Pandora Literary Gender Studies e o proxecto Communitas/Immunitas: Relational Ontologies in Atlantic Anglophone Cultures of the 21st Century, financiado por MICIU e polo FEDER, e dirixido pola catedrática da UVigo Belén Martín Lucas.
“O seminario ten como obxectivo fomentar un diálogo interdisciplinario sobre como a literatura e a cultura contemporáneas imaxinan novas posibilidades de relacionamento e como responden aos desafíos éticos, políticos e afectivos do noso tempo”, explica Iago Rodríguez, que destaca entre as principais cuestións a tratar o poshumanismo, os afectos, a comunidade, a solidariedade, os coidados, a vulnerabilidade e a dependencia ou os futuros feministas e queer. As propostas seleccionadas destacan, aseguran os organizadores do seminario, polo seu interese en afondar en cuestións como a crise climática, as transformacións tecnolóxicas ou os novos paradigmas de interacción social. “Na meirande parte delas, o xénero é considerado unha das lentes críticas principais. A perspectiva de xénero é fundamental nas Humanidades porque permite analizar como as relacións de poder, as identidades e as representacións culturais condicionan a produción de coñecemento, as experiencias históricas e as expresións artísticas e sociais”, explican, engadindo que ademais do xénero, os estudos incluídos no programa tratan tamén doutras realidades como a sexualidade, a procedencia xeográfica, a idade, a clase social, a raza, a relixión ou a discapacidade.
Conferencia plenaria e mesa redonda sobre identidade e xénero
Entre as actividades que inclúe o seminario, que conta co apoio do grupo de investigación Bifega da UVigo, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac), e do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, os organizadores destacan a conferencia plenaria Threads of Exploitation: Fashion, Ecology and Fem Subalternaty in Monica Ali’s Brick Lane, que esta tarde ofrecerá a docente e investigadora da USC Noemí Pereira Ares sobre unha obra literaria que amosa a complexa relación entre a moda, a explotación, a migración e o xénero.
“Tamén cómpre destacar a mesa redonda sobre xénero e identidade, Gender and Identity: New forms of Subjectivity, na que participarán o venres Lara Tortosa Signes da Universitat de València, María Torres Romero da Universidad de Málaga e Sara Tabuyo Santaclara da Universitat de les Illes Balears”, detalla Iago Rodríguez.
Dar visibilidade ás persoas investigadoras no inicio da súa carreira
Alén de fomentar o diálogo interdisciplinario sobre como a literatura e outras formas de cultura responden aos cambios sociais, o seminario que se celebra hoxe e mañá formúlase como un escenario que dá visibilidade ás persoas investigadoras en etapas iniciais da súa carreira. “Ser partícipes dos seus primeiros pasos sitúa á Universidade de Vigo e á asociación PLGS na contribución directa á xeración de ideas innovadoras e, polo tanto, ao desenvolvemento de futuras liñas de investigación”, destacan os organizadores.
Unha posición que concorda co proxecto Communitas/Immunitas, que procura acompañar a novas xeracións de investigadoras e investigadores a apostar pola formación de talento. “O seminario é un esforzo por seguir neste rumbo e serve como exemplo da calidade que teñen as proposicións artelladas polas novas xeracións. Deste xeito, tendo como marco as súas preocupacións intelectuais, as persoas participantes no seminario realizan análises textuais interseccionais co fin de revelar propostas imaxinativas para construír o mundo de maneiras máis xustas e éticas, e baseadas nas alianzas, nos coidados e na reciprocidade”, detalla Iago Rodríguez Diéguez.
