DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe botou a andar a segunda edición das xornadas 'O talento feminino SUMA' 

Fomentando desde a Universidade a presenza da muller nos postos de dirección das empresas 

Coral del Río afondou nas causas e consecuencias da segregación laboral por razón de xénero 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Igualdade
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/09/2019

A pesares de representar o 50% do capital humano e ter unha formación similar á dos homes, as mulleres seguen a ter escasa presenza na dirección das empresas, de aí, que un dos obxectivos da universidades sexa traballar nesa dirección, “fomentando a presenza feminina nos postos directivos; concienciando ás empresas e á sociedade do valor engadido que supón a incorporación das mulleres; acadando unha maior visibilidade das mulleres empresarias e logrando políticas nas empresas que faciliten ás mulleres unha contribución valiosa profesional e persoal”, asegurou esta mañá a vicerreitora de Captación, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, na inauguración da II edición das xornadas O talento feminino SUMA. As sesións, que se desenvolverán hoxe no edificio Miralles do campus de Vigo e o 23 de outubro no marco da Feira Internacional de Emprego, Finde.U, están organizadas pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e nelas participan estudantes, persoas tituladas, PAS e PDI da institución académica, así como persoal dos departamentos de recursos humanos das empresas.

A catedrática do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Coral del Río foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural das xornadas, que continuaron cunha mesa redonda, moderada pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, titulada Loitando contra as desigualdades: programas de emprego e emprendemento para mulleres e na que participaron representantes de organismos públicos e fundacións. Na sesión de tarde desenvolverase un obradoiro, no que as persoas participantes traballarán cun formato de elevator pitch cuestións como as súas competencias, obxectivos profesionais ou deseño dunha marca persoal, que exporán ante responsables de recursos humanos das empresas que participarán na Finde.U e cos que poderán optar a premios nas categorías do pitch máis orixinal e ao mellor pitch.

Novas “roupaxes” para un mesmo patriarcado

 Na súa conferencia inaugural, Segregación por razón de xénero no mercado laboral: causas e consecuencias, a catedrática Coral del Río analizou o que considera “un campo de batalla importante, que agora pretenden vendernos que é unha elección, e desmontar estes argumentos é complicado”. Del Río comezou a súa intervención situándose nun presente que considera “un tempo confuso”, no que coexisten mobilizacións históricas pola igualdade das mulleres como as do 8M dos anos 2018 e 2019, con reaccións que evidencian un rexeitamento a este movemento en pos da igualdade, que segue sen ser tal en organismos como a Sala de Gobierno del Tribunal Supremo, cunha conformación integramente masculina, “cando a Ley de Igualdad esixe un 40% de presenza de mulleres”, lembrou Del Río, ou no Tribunal Constitucional onde só hai dúas mulleres, cando deberían ser un mínimo de cinco.

Deseguido, a catedrática achegou informes nacionais e internacionais que evidencian a desigualdade existente entre homes e mulleres no mercado laboral e que comezan desde o momento da incorporación das e dos titulados universitarios ao mundo laboral. Así, segundo se reflicte no informe Inserción laboral de egresados universitarios. Curso 2013-2014 (análisis hasta 2018) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, aínda que a taxa de afiliación á Seguridade Social é moi similar entre homes e mulleres cinco anos despois de rematar os seus estudos (72.8% de homes e 71.9% de mulleres), as diferenzas evidénciase co paso dos anos en cuestións como o tipo de contrato, que no ano 2018 era indefinido no caso de case un 60% dos homes, fronte a un 46% das mulleres, ou nos salarios, que no mesmo ano situábanse nalgo máis de 27.500 euros no caso dos homes e en pouco máis de 25.000 no das mulleres.

Del Río tamén achegou na súa intervención outros estudos que evidencian, en España e tamén noutros países europeos, a brecha que se produce nos salarios das mulleres, respecto dos homes, a partir do momento do nacemento do primeiro fillo. “En todos os países a brecha non se pecha pasados 10 anos e hai casos especialmente dramáticos como o de Alemaña, onde se produce unha enorme presión social para que as mulleres no retomen as súas carreiras profesionais e collan excedencias”, explicou a catedrática, para quen “o que está pasar é que temos novas roupaxes para un mesmo patriarcado”.

A igualdade económica entre sexos segue a estar lonxe

Segundo Eurostat no ano 2014 a brecha total en ingresos do traballo entre sexos situábase nun 35.7% e a brecha en salario/hora nun 17.5%., unha situación froito, segundo Coral del Río, de mecanismos de transmisión e perpetuación das desigualdades como: a existencia de condicións laborais precarias; a organización xerárquica do traballo; a escasa transparencia na toma de decisións nas empresas; convenios colectivos sen perspectiva de xénero; elevados niveis de segregación ou existencia de políticas públicas “familiaristas”. “No caso de España a brecha é importante porque o mercado laboral está fortemente estratificado, mesmo con empresarios que non saíron do franquismo e porque se infravaloran as capacidades e o traballo realizado por mulleres. Por que non hai un plus para tarefas de limpeza especialmente desagradables e non obstante si se valoran á hora de fixar os complementos salariais cuestións como a perigosidade ou a forza física?”, lamentou a economista.

Del Río considera, que superadas algunhas trabas que historicamente impediron o acceso das mulleres ao mercado laboral en igualdade, na actualidade prevalece en España “unha lexitimación dunha nova división sexual de traballo. O mito da liberdade de elección, que serve tanto para ‘normalizar’ a prostitución ou xustificar os ventres de alugueiro, como para xustificar as diferenzas na elección de estudos ou a carreira profesional entre homes e mulleres: traballo a tempo parcial, excedencias por coidados, concentración en determinados sectores”, detallou a catedrática, para quen a dificultade de erradicar a segregación pode explicarse a partir de teorías como a da perda da identidade, a da contaminación, os estereotipos sexistas sobre distintas capacidade sexistas, as contornas tóxicas para as mulleres ou as negras expectativas sobre o futuro laboral anticipando discriminación.

A catedrática da Universidade de Vigo rematou a súa intervención enumerando as consecuencias, que segundo ela, se derivan da segregación ocupacional, e que van da escasa independencia económica para as mulleres, á perda dos seus dereitos laborais, pasando por unha menor protección dos fogares fronte a situacións de pobreza ou a ineficiencia económica, que favorece o fortalecemento da economía somerxida ou o desaproveitamento das capacidades produtivas do país.