DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Artista e docente, foi decano de Belas Artes entre 2010 e 2015 

Fondo pesar na comunidade universitaria polo falecemento do profesor Juan Carlos Meana

A facultade organizará un acto de homenaxe nas próximas semanas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/01/2023

A Universdade de Vigo recibiu cun fondo pesar a nova do falecemento do profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana Martínez. Docente desde 1993 deste centro do campus pontevedrés, do que foi decano entre 2010 e 2015, Meana falecía este domingo aos 59 anos de idade a causa dunha enfermidade. O seu pasamento deixou unha profunda consternación nesta facultade, que promoverá “nas próximas semanas un acto de homenaxe á súa figura”, como anunciou o decano, Xosé Manuel Buxán, quen destacou “o seu traballo a prol da Universidade desde practicamente os inicios da facultade”. 

Natural de Vitoria, Meana doutorouse en Belas Artes pola Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea en 1993 e ese mesmo ano iniciou a súa traxectoria como docente da Facultade de Belas Artes, creada tres anos antes. Profesor do Departamento de Pintura, Meana exerceu como secretario académico deste centro entre 2006 e 2010, primeiro con Jesús Hernández como decano e logo con Ignacio Barcia, quen lembra ao docente e artista como “unha boa persoa, moi traballadora, que se implicaba en todo o que facía”. Tras o nomeamento de Barcia como vicerreitor, Meana converteuse en 2010 en decano desta facultade, cargo que ocuparía ata marzo de 2015, ano no que Belas Artes conmemoraba o seu 25 aniversario. Como lembran desde este centro, Meana foi tamén o impulsor e primeiro coordinador do programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea ademais de membro do Consello de Goberno da Universidade de Vigo. 

Integrante do grupo de investigación dx7 Tracker Laboratorio Visual, Meana combinou o seu labor docente e investigador coa súa produción artística, inicialmente centrada na práctica da pintura para logo ampliarse a outras disciplinas da arte contemporánea, como a escultura e as instalacións. Ao longo da súa traxectoria, protagonizou máis dunha vintena de exposicións individuais, como a que en 2019 acollía o Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea Artium, NOS [ YO ] OTROS, a maior mostra dedicada ao artista vitoriano. Ao longo de tres décadas, a súa obra estivo presente en máis dun centenar de exposicións colectivas, a máis recente Campo de Sementes, en 2021, unha mostra promovida na Fundación RAC con motivo do 30 aniversario da Facultade de Belas Artes. A súa produción artística foi así mesmo recoñecida con diferentes premios como o do XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña, en 2009, e a súa obra forma parte das colección de institucións como o Goberno Vasco ou as deputacións de Biscaia e A Coruña. 

O seu velorio ten lugar no tanatorio Albia, en Pontevedra.