DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa morreu este martes

Fondo pesar polo falecemento do catedrático Antonio López Castedo

Dedicou a súa vida profesional á docencia e á investigación universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 03/03/2020

Cun fondo pesar, a comunidade universitaria recibiu este martes a nova do falecemento dun dos seus membros, a do catedrático da Universidade de Vigo e profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Antonio López Castedo. Despois dunha vida profesional dedicada á docencia e á investigación universitaria, o director do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa deixa tras de si unha “fonda pegada” nos que foron os seus compañeiros e compañeiras na Universidade de Vigo.   

Tras coñecer a nova, Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, salientou de López Castedo como “era unha persoa que sempre se esforzou moitísimo pola nosa facultade, contribuíndo sempre na medida na que podía para que avanzara, na elaboración dos plans de estudo, na posta en marcha de títulos novos, coordinando un mestrado, un programa de doutoramento, etc”. A decana recalcou a súa “traxectoria moi relevante” como docente e como investigador pero tamén “a súa gran dimensión persoal, pois era unha persoa que sempre estaba aí para botar unha man cando facía falta”. Así, fixo fincapé, “estamos moi triste, botarémolo moitísimo de menos”.

Do mesmo xeito, as compañeiras e compañeiros do Grupo de Investigación en Educación e Saúde GIES-10 lembraban esta mañá como este doutor en psicoloxía estivo “ata o último momento pendente” das cuestións académicas e investigadoras. Del subliñan como dedicou a súa vida á formación do alumnado e á investigación e como “chegou profesionalmente ao máis alto, xa que acadou ser catedrático o pasado ano” na Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento. Na súa dilatada traxectoria, apuntan como sempre estivo “permanentemente preocupado polas investigacións de todo o mundo, do alumnado e dos compañeiros”. No persoal recalcan como “era unha persoa moi afable, moi xenerosa, un verdadeiro compañeiro que loitou ata o final”.