DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este mércores unha xornada sobre esta problemática

Unha forma de violencia de xénero chamada trata con fins de explotación sexual

Estivo organizada pola Fundación Amaranta Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/11/2019

A trata con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero foi o tema central dunha xornada que este mércores acolleu o campus de Ourense e que estivo organizada pola Fundación Amaranta. Nela salientouse a importancia de abordar a visibilización desta realidade tendo en conta que “falar de trata é falar da historia de mulleres que o patriarcado pon a disposición dos homes de maneira pública; é falar de historias atravesadas por violencia simbólica, psicolóxica, física, económica, sexual, institucional e sociocultural”, tal e como sinalou na súa presentación a psicóloga Lidia Álvarez.

Segundo explicou Lidia Álvarez, da Fundación Amaranta, a temática da xornada foi elixida por dous motivos. “O primeiro ten que ver co fin último do traballo da fundación, que non é outro que favorecer a integración persoal e a incorporación social de mulleres e adolescentes afectadas pola prostitución e outras situacións de violencia por razón de xénero”, afirmou. O segundo motivo, engadiu, “é a importancia que pensamos que ten visibilizar a grave problemática social que supón esta trata, propoñendo a formación e a sensibilización sobre esta temática e incidindo en que supón unha forma brutal de violencia contra a muller”. Así, recalcou a psicóloga, “a trata é un mecanismo que as organizacións criminais utilizan para que o consumo sexual de persoas, xeralmente mulleres, nenas e nenos, se poda levar a cabo”. Un “mercantilismo humano” que, recalcou a experta, “ocorre ao noso redor, en pisos de alterne, en clubs ou na rúa”.

Neste contexto, Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, fixo fincapé en como nesta problemática é “unha responsabilidade de todas as administracións traballar para que se faga visible e para que se saiba que cando unha persoa consume prostitución consume trata, consinte o tráfico de mulleres e nenas”. Tamén fixo fincapé en como “nesta loita é moi importante sumar aos homes, senón non vamos dar acabado con esta tremenda lacra que nos avergoña como sociedade”. Na súa intervención, López Abella explicou as ferramentas da administración autonómica na loita contra esta problemática, lembrando como se van a iniciar os traballos para a elaboración do primeiro plan estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual e avanzando como as axudas que cada ano convoca a Xunta destinadas a entidades sen ánimo de lucro para que leven a cabo proxectos de atención integral dirixidos a persoas inmigrantes e vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual contarán en 2020 cun orzamento de 450.000 euros.

Unha forma de escravitude

María Alida Iglesias, xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, incidiu pola súa banda en como “a trata é lamentablemente unha realidade en Europa e España” e “unha forma de escravitude que converte ao ser humano nunha simple mercadoría”. O tráfico de persoas con fins de explotación sexual, afirmou, “constitúe unha violación dos dereitos humanos posto que vulnera a dignidade da persoa, a súa liberdade e igualdade”. Lembrando como xunto ás droga e ás armas, a trata é un dos negocios máis lucrativos, María Alida Iglesias destacou como “a maioría das vítimas son mulleres e a trata está directamente relacionada coa posición das mulleres na sociedade e coa feminización da pobreza”. Eugenia Díaz, concelleira de Igualdade do Concello de Ourense, apuntou pola súa banda como “a trata de seres humanos con fins de explotación sexual é a principal causa de trata en Europa e dela o 95% son mulleres e nenas”. Este fenómeno, afirmou, “tamén hai que velo desde unha perspectiva de xénero” e ligalo coa prostitución “xa que se non houbera prostitución non habería trata de persoas con fins sexuais”. Díaz Abella denunciou ademais a estigmatización social das mulleres vítimas desta problemática e o silencio ao redor do exercicio da prostitución na sociedade.

Entre as intervencións de expertas que se produciron trala primeira mesa institucional estivo a de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade. Na súa conferencia, falou da investigación realizada por ela xunto a Silvia Pérez e Rosa María Verdugo sobre o perfil do “puteiro” español e estableceu un vínculo entre os resultados obtidos nela e o estudo sobre masculinidades en situacións “extremas”, como Ciudad Juárez ou cárceres de Brasilia, feito pola antropóloga Rita Laura Segato. O vínculo que atopa a profesora entre ambos fenómenos é que “hai unha subhumanización das mulleres e que moitas veces este tipo de rituais non buscan un elemento de carácter instrumental, como a busca de pracer sexual, senón de carácter expresivo, para dicirlle aos outros homes, que son os que outorgan as identidades masculinas, que son moi machos”. Trataríase, afirma, “máis dunha performance expresiva de reafirmación dunha virilidade que responde ao mandato patriarcal que dunha busca de pracer sexual real”.