DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Pastor protagonizou o relatorio de clausura das xornadas “Política na Educación”

Unha formación de calidade con equidade e liberdade, compromiso do Partido Popular para a próxima lexislatura

A candidata popular ao Congreso expuxo as principais propostas do seu partido

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 05/03/2008

“Un bo financiamento, unha avaliación externa e a adaptación a Boloña son as claves para contar cun sistema universitario de referencia”. Con estas verbas rematou Ana Pastor, a cabeza de lista do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Pontevedra, o relatorio de clausura das xornadas Política na Educación que se veñen desenvolvendo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación con motivo das próximas eleccións do 9 de marzo. A candidata subliñou a intención do PP de acadar unha formación de calidade baseada nos principios de equidade e liberdade, co obxectivo de conseguir un sistema educativo que “prepare aos nosos estudantes para ser competitivos nun mundo cada vez máis global e que sexan a principal garantía de loita contra a pobreza e a exclusión social”.
Sen dúbida o proceso de adaptación ao EEES centrou gran parte do discurso, pero a invitada tamén destacou dous aspectos importantes sobre os que traballarán intensamente se gañan o próximo domingo: a mellora na investigación e as axudas aos que teñen menos recursos. Segundo explicou, “hai que investigar en todos os campos e non soamente no da tecnoloxía”, ao que Pastor engadiu que “todos os centros deben ter unha area de I+D+i dotada de medios e financiamento”.
Co aforo completo, a candidata dirixiuse aos asistentes aludindo constantemente a exemplos propios da súa vocación, a medicina, e nun distendido debate aclarou as inquedanzas dos participantes respecto ás actuacións que teñen previstas de cara as aulas para maiores ou a inserción laboral dos universitarios.

Desde a educación infantil ata o profesorado

Acompañada polo decano do centro, Alberto Pena, a deputada resaltou os principais puntos do seu programa electoral que afectan á universidade, pero tamén tivo tempo para afondar en temas relacionados coa educación infantil, primaria e secundaria, como un ensino común para todas as comunidades autónomas, a plena escolarización ou a conciliación da vida laboral coa vida familiar. O apoio ao profesorado foi outro dos eixes centrais do seu discurso e subliñou que “propoñemos elevar a consideración social dos nosos docentes, mellorar as súas condicións e elaborar un estatuto que estableza a súa carreira profesional”.

Unha ampla traxectoria política

Tras o triunfo electoral do Partido Popular nas eleccións xerais de 1996, Ana Pastor foi nomeada directora xeral da Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE), dependente do Ministerio de Administracións Públicas. A partir dese momento inicia unha carreira ascendente na administración a nivel nacional, que a leva a ocupar sucesivamente os postos de subsecretaria en todos os departamentos dos que Rajoy é nomeado ministro: Educación e Cultura, Presidencia e Interior. Entre o 2002 e o 2004 convértese en ministra de Sanidade e Consumo e é elixida deputada do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, cargo ao do que volve a ser candidata nas eleccións xerais do 9 de marzo.