DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a matrícula para o I Curso de Especialista Icemar 

Formación especializada desde a Universidade sobre actividades económicas desenvolvidas arredor do mar 

Impartirase entre xaneiro e xuño de 2019 e oferta 30 prazas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/12/2018

Co dobre obxectivo de, por unha banda, fortalecer o vínculo entre a universidade e a empresa e, pola outra, ampliar o coñecemento que as e os participantes teñan sobre as actividades económicas que se desenvolven arredor do mar, a mediados do vindeiro mes de xaneiro comezará a impartirse na Universidade de Vigo o I Curso de especialista en innovación, competitividade e emprendemento no mar. “O ano pasado fixemos unha primeira edición de Icemar na modalidade de curso de formación e polas avaliacións das e dos participantes e polas nosas propias impresións, quixemos dar un paso máis ofertando o curso co título de especialista universitario”, explica a docente da Área de Ecoloxía  e directora académica do curso, Maruxa Álvarez, que sinala, que ademais de poñer máis valor no mar como epicentro da formación, a súa conversión en curso de especialista tamén lles permite aumentar a carga lectiva, incrementando as horas de visitas a empresas e a feiras sectoriais.

Con 250 horas presenciais, repartidas en obradoiros, visitas a empresas e xornadas de formación fóra das aulas, o curso, que oferta 30 prazas, desenvolverase por un período de seis meses entre mediados de xaneiro e mediados de xuño. “Icemar proporciona aos participantes ferramentas para que sexan quen de identificar aqueles intereses, habilidades e características persoais que lle van permitir explorar e definir os seus propios obxectivos profesionais”, explica Maruxa Álvarez, que confirma que a Universidade de Vigo é a única de España que ofrece un título propio de especialista en mellora da competitividade e emprendemento no mar.

O mar, fin e medio de moitas actividades económicas

Un equipo de docentes de distintas áreas do coñecemento, desde humanidades, a ciencias, pasando por enxeñaría e ciencias sociais e xurídicas e mesmo profesionais do sector do mar, encargarase de impartir o curso, que está aberto a estudantes, egresadas e egresados e profesionais procedentes de calquera titulación. “En Icemar consideramos que o mar é un ecosistema do que todos formamos parte, e máis en Vigo, onde o mar é o fin e o medio de moitas das actividades económicas que se desenvolven”, explica a directora académica do curso, que considera que unha vez rematada a formación “as e os participantes poden conformar perfís profesionais capaces de achegar valor e innovar na toma de decisións, tanto en empresas e institucións nas que se incorporen a traballar, como no desenvolvemento das súas propias profesións”.

Cada sesión do curso dividirase en dúas partes, unha primeira de catro horas de duración con obradoiros sobre temáticas relacionadas coas competencias profesionais e persoais, coñecemento da empresa e actividade económica no mar. A continuación terá lugar a sesión denominada MarIdeaje, “que vén do xogo de palabras Mar+Ideas”, co obxectivo de que profesionais do mar acheguen ás e aos participantes, non só a súa realidade profesional actual, senón sobre todo, cales son o valores que lle levaron a onde están. “Cremos que estas sesións son moi inspiradoras para os participantes”, explica Maruxa Álvarez, que destaca ademais que de xeito bimensual organizarán visitas a empresas e institucións, “así que se facemos contas temos que, cando menos, cada participante que entre en Icemar sairá con 50 contactos novos. Non está mal!”, asegura.