O mobiliario escolar centra un proxecto de innovación de CC da Educación e do Deporte
Formación e ferramentas para que os nenos e as nenas estean ben sentados nas aulas
Un TFG comprobou que máis do 90% do alumnado dun colexio usaba mesas e cadeiras demasiado grandes
Ao longo das últimas décadas, diferentes investigacións teñen observado que a falta de correspondencia entre as medidas antropométricas de nenos e nenas e as dimensións do mobiliario escolar poden desencadear efectos negativos como posturas incómodas, dores de pescozo e costas ou a mesmo unha diminución do interese nas clases. Formar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nas variables que inflúen á hora de escoller o mobiliario escolar é un dos obxectivos centrais do proxecto de innovación que ao longo deste ano desenvolve un grupo de docentes deste centro e que se completará coa elaboración dunha guía que achegue información sobre como determinar, a partires do patrón antropométrico dos nenos e nenas, que mobiliario que lles sería máis apropiado.
“Vimos que era unha boa idea que os futuros e futuras profesionais sexan conscientes de que esta problemática existe, que os nenos e nenas teñen que estar sentados coas plantas dos pés no chan e iso non ocorre en moitos casos”, salienta o profesor Iván Prieto responsable do proxecto Elección do mobiliario escolar adecuado en educación mediante a análise do parámetro antropométrico do alumnado, seleccionado na convocatoria de actividades de innovación educativa da facultade. Ademais de profesor asociado neste centro, Prieto é tamén docente no CEIP A Laxe de Marín, ao igual que Emma María Taboada, autora dun traballo de fin de grao inserido neste proxecto, que lles permitiu constatar neste centro educativo esa falta de adaptación do mobiliario ás características dos nenos e nenas, xa que o estudo situaba por riba do 90% a porcentaxe de nenos e nenas que empregaban cadeiras e mesas dun tamaño superior ao adecuado.
Formar ao profesorado de mañá
Os docentes da facultade Alfonso Gutiérrez, Carlos Ayán, Ana Rey, Emerson Ramírez, Ana Acuña e Marco Lucato e os egresados Adrián Paramés e Juan Carlos Argibay forman parte tamén do equipo responsable dun proxecto que busca achegar ao alumnado da facultade unha formación específica en hixiene postural e elección do mobiliario escolar. A través dunha serie de talleres en diferentes materias dos tres graos que se imparten nesta facultade, o alumnado poderá coñecer como empregar o material de medición para determinar o perfil antropométrico de nenos e nenas así como determinar, a partires destes datos, as medidas do mobiliario adecuado. Nese senso, Prieto pon o acento no “problema que supón que o profesorado non sexa consciente de que mesas ou cadeiras poden estar mal colocadas” por mor da falta dunha formación específica neste eido.
Falta dun mobiliario adecuado
Nesta liña de traballo insírese tamén o traballo de fin de grao que Taboada desenvolveu o pasado curso no CEIP A Laxe, con Prieto e Gutiérrez como titores, e que lles permitiu constatar a falta de adecuación do mobiliario do centro ás características dos nenos e nenas. Un total de 108 nenos e nenas dos seis cursos de primaria participaron nun estudo no que lles se realizou unha medición da súa talla, peso, altura do ombro ou do cóbado, co obxectivo de por estes datos en relación coas alturas das cadeiras e mesas que empregaban.
Os resultados, recolle o traballo, amosan que case o 92% dos nenos e nenas empregaba unha cadeira que non lle correspondía e o 97% utilizaba unha mesa dun tamaño superior ao adecuado para eles. De feito, o estudo permitiu constatar tamén que o catálogo de mobiliario da Xunta de Galicia “non é apropiado para dar resposta ás demandas dun centro de educación primaria como o analizado”, xa que “non posúe unha talla óptima de cadeira ou mesa” para os dous primeiros cursos de primaria, que si están recollidas, explica, na proposta formulada pola Unión Europea neste eido. Por outra banda, os datos obtidos permitiron a Taboada realizar unha “proposta de distribución do mobiliario” xa existente no centro, para adaptalo mellor ás características de cada curso.
Recomendacións que poderían levarse á aula
Como obxectivo final deste proxecto figura a elaboración dunha guía que estableza un protocolo de actuación para a selección das mesas e cadeiras mais adecuadas, así como o procedemento a realizar para detectar o patrón antropométrico do alumnado a través de diferentes medicións. Nese senso, Prieto explica que, tendo en conta, “que nun centro escolar non vai haber un antropómetro”, outra das accións inseridas neste proxecto é analizar se “poderían facerse estas medicións cunha regra tradicional, se esta sería ou non un instrumento fiable, algo que non está comprobado aínda”.