DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taller ‘Comunícate coas mans’ cubriu as súas 20 prazas

A formación en lingua de signos aséntase no campus pese ás dificultades que implica a pandemia

O uso de máscaras dificulta a comprensión das expresións faciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 06/10/2020

Por terceiro curso consecutivo, desenvólvese no campus o obradoiro de extensión universitaria Comunícate coas mans, que, coas súas 20 prazas cubertas, busca iniciar ao alumnado na lingua de signos. Mais aló das medidas sanitarias, a crise sanitaria xerada pola covid-19 supón unha dificultade engadida para este taller inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para o primeiro cuadrimestre, dada a importancia que nesta lingua ten a expresión facial. “O reto maior vai ser dar clase con máscara, porque na lingua de sinais moitas das cousas que na lingua oral se expresan coa prosodia ou con ton, dependen da expresión facial”, salienta a profesora Ana Fernández, directora dun taller no que estas limitacións resolveranse con explicacións engadidas ou a través da proxeccións de vídeos que permitan abordar esta serie de cuestións.

Xunto a Fernández Soneira, integrante do grupo de investigación en lingua española e linguas signadas Griles, encárganse de impartir este obradoiro de 30 horas os intérpretes e profesores de lingua de signos Alba Puentes e David Fernández e o tamén formador e integrante do grupo Griles Manuel Lema, unha persoa xorda que é ademais alumno da Facultade de Belas Artes. “Na lingua de sinais, por exemplo, cando vas facer unha pregunta, tes que engurrar o cello e cando falas de cantidades tes que abrir a boca para amosar se é grande ou pequena”, explica Fernández Soneira, que apunta que as funcións que nesta lingua teñen “os beizos ou os dentes” terán que abordarse dun xeito alternativo nesta edición, como “gravándonos a nós mesmos para logo proxectar as expresións”. De calquera xeito, o obradoiro que se desenvolve ata finais de novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación mantén o seu obxectivo de axudar ás e aos participantes a adquirir un “nivel comunicativo básico” nesta lingua, “pero sobre todo, a que perdan o medo” á hora de facer uso desta. 

Coñecer a realidade da comunidade xorda

O obradoiro estruturase catro bloques, que comprenden tanto contidos lingüísticos, comunicativos e funcionais, como a abordaxe de cuestións sociais, culturais ou educativas que permitan ao alumnado coñecer a realidade da comunidade xorda. A través de clases de carácter práctico, conducidas por Puente, Fernández e Lema, as alumnas e alumnos abordarán o uso do alfabeto dactilolóxico e aprenderán a presentarse, pedir e datos persoais, realizar unha descrición ou expresar unha opinión ou sentimento. Mais tamén abordarán a estrutura lingüística da lingua de signos española, na parte impartida por Fernández Soneira, así como posibles “tópicos e crenzas erróneas” respecto deste tipo de linguas e a comunidade de persoas xordas, do mesmo xeito que se achegarán ao contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolve esta comunidade e ás barreiras de comunicación ás que ten que enfrontarse.

Máis aló dos contidos previstos no programa, cada edición do obradoiro “depende sempre un pouco dos alumnos”, recalca Fernández Soneira, que na primeira clase, celebrada este luns, buscou coñecer “se hai algúns aspectos que lles interesen especificamente”. Nese senso, a responsable do taller incide en como a presencia de alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte fixo que en edicións anteriores se puxese o foco en cuestións relativas a educación dos nenos e nenas xordos. 

Un paso adiante cara a inclusión

O feito de que, ano tras ano, este taller esperte o interese de alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte, con casos concretos como o de dúas alumnas “que veñen ao curso porque queren facer os seus traballos de fin de grao sobre a inclusión da lingua de sinais na educación”, é unha das cuestións que Fernández Soneira pon en valor desta actividade. Tamén o fai Manuel Lema, que recalca que “aínda que creo que en todos os ámbitos e profesións se pode aprender a lingua de signos, no caso dos profesores é moi importante”, xa que isto redundará nunha mellora dos procesos de aprendizaxe dos nenos e nenas con discapacidade auditiva. “Antes había un pouco de rexeitamento contra a lingua de signos e para nós é moi importante acompañar as linguas orais coa de signos”, salienta Lema. “Creo que a lingua de signos ten que chegar a todos os ámbitos”, engade nesta liña Alba Puentes, que incide en que esta aprendizaxe pode ser un “bo complemento” á formación do estudantado de Ciencias da Educación ou Comunicación Audiovisual.