Co apoio da Universidade de Vigo, desenvolverase entre o 10 e o 15 de decembro
A formación e os creadores e creadoras emerxentes, piares do noveno festival Novos Cinemas
O seu programa inclúe obradoiros, mesas de debate e unha nova sección dedicada a centros de ensino
A formación e o cinema emerxente serán os “dous piares fundamentais”, como sinalan os seus responsables, da novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 10 e o 15 de decembro, co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales. Centrado nas primeiras e segundas películas de novos directores e directoras, 39 filmes, das que nove son estreas mundiais, foron seleccionadas para as tres seccións competitivas dun festival que abrangue outra serie de iniciativas, como obradoiros, mesas de debate ou a presentación das curtametraxes realizadas polo estudantes do campus nun taller impartido por Álvaro Gago. Así mesmo, Novos Cinemassuma neste 2024 ás súas seccións Oficial e Latexos un novo apartado, Ceres, dedicado os proxectos xurdidos dos centros de formación audiovisual de España e Portugal.
Ese carácter formativo motivou que a Facultade de Comunicación fose o espazo escollido para a presentación desta edición, na que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; e o deputado provincial de Reto Demográfico, Xuventude, Desenvolvemento Rural e Cultura, Jorge Cubela; xunto co director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, e a súa responsable de Comunicación, Elena G. Román. Todos eles incidiron na importancia do apoio de diferentes institucións a un festival “indispensable non só para a Universidade, senón en especial para o campus, moi vinculado co cinema e o audiovisual” e que centra o seu proxecto de especialización na creatividade, lembrou Lantarón. A vicerreitora destacou que a UVigo apoia o festival organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións “desde a súa edición cero” e salientou “as oportunidades de crecemento” que supón para o alumnado, a través da súa participación nos talleres ou integrando o Xurado Novo, que outorga un dos premios deste certame.
Múltiples olladas a cinemas diversos
As e os representantes institucionais puxeron tamén en valor a especialización do festival nos primeiros e segundos filmes, que levará a exhibir en Pontevedra 39 producións procedentes de países como Canadá, Portugal, Chile, Francia, Suecia, Venezuela ou España, Honduras. Entre elas atópanse os catro proxectos seleccionados para a nova sección Ceres, dirixida a “visualizar o que fai a xente que esta nos centros formativos de cinema de Portugal e España”, sinalouo Novás. Entre elas, Gralla, realizada polos estudantes da Facultade de Comunicación Rebeca Tella e Daniel Filloy.
A aposta de Novos Cinemas, engadiu Novás, foi conformar “unha programación diversa, que asuma esa diversidade e a proxecte cara a sociedade”, e dentro desta destacou o positivo de contar con exalumnos da UVigo como Álvaro Gago. Coautor da cabeceira desta edición, este cineasta foi tamén o responsable de impartir o taller Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, no que nove estudantes, egresados e egresadas das facultades de Comunicación e Belas Artes traballaron nas curtas que estrearan na tarde do 10 de decembro, na xornada inaugural do festival. Esta terá ademais como protagonista o egresado de Belas Artes Alberto Gracia, que protagonizará a sesión de apertura con La Parra, “un dos filmes do ano”, como sinalou Novás.
No programa do festival insírense tamén iniciativas como un obradoiro de produción audiovisual, impartido por Jame Weiss, talleres infantís ou unha mesa redonda sobre estratexias de promoción para o cinema de autor. Así mesmo, Novos Cinemas promoverá tamén encontros con cineastas galegos Adrián Canoura e Ángel Santos, co profesor da Universidade Católica Portuguesa Pedro Miguel Alves e co fotógrafo e realizador Amador Lorenzo. Por outra banda, catro proxectos de primeira longametraxe foron seleccionados para o LAB de festival, un laboratorio de desenvolvemento de proxectos polo que pasou previamente Sepáraste moito, de Paula Veleiro, filme escollido para a sesión de clausura.