DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival arrincará o martes coa proxección de dez curtas realizadas polo alumnado

Formación e proxeccións combínanse no programa de Novos Cinemas

14 filmes de diferentes países integran as seccións competitivas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/12/2019

14 filmes, na súa meirande parte inéditos en Galicia, integran a programación das dúas seccións competitivas da cuarta edición do festival Novos Cinemas, que se desenvolverá en Pontevedra entre o martes 10 e o domingo 15. O festival, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), reúne tamén na súa programación actividades formativas e divulgativas ou encontros con profesionais. As curtas xurdidas como resultado dunha destas actividades, o obradoiro Habitar un rostro, no que participaron once alumnas e alumnos do campus, abrirán de feito o festival, coa súa proxección no Teatro Principal o martes ás 17.00 horas. Así mesmo, a Facultade de Belas Artes acollerá un taller a cargo do director de fotografía Santiago Racaj, que ao longo da súa extensa traxectoria traballou con cineastas como Javier Rebollo, Jonás Trueba ou Carlos Bermúdez.

Na presentación do programa deste festival, celebrada este xoves na Casa da Luz, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, subliñou que “colaborar coa cultura” forma parte do “noso ADN como Universidade”. Soto puxo de relevo a “vocación de formación permanente” de Novos Cinemas, neste caso, con actividades dirixidas a alumnos e alumnas que serán “os futuros cineastas e profesionais do sector”. A concelleira de Animación Sociocultural e Festas, Carme da Silva, destacou Novos Cinemas “como un festival moi poliédrico, pensado para a formación, a divulgación, para presentar novos cineastas internacionais, pero tamén para fomentar o cinema galego”. Xunto coas intervencións dos responsables do festival Suso Novás e Ángel Santos, a presentación contou tamén coa participación da deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, e do director da Agadic, Jacobo Sutil, que subliñou tamén o “apoio ao audiovisual galego” dun festival que dedicará as súas proxeccións inaugurais e de clausura a Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, respectivamente.

14 filmes en competición, dez curtas nacidas no campus

Ademais desa “necesaria posta en valor do cinema galego”, como salientou Santos, a programación “ambiciosa e hetereoxénea” de Novos Cinemas reúne os nove filmes que integran a súa sección oficial e os cinco seleccionados na sección “ de filmes máis íntimos”, Latexos. Trece deles, explicou Santos, proxectaranse por primeira vez en Galicia no marco deste festival, que acollerá tamén a primeira retrospectiva que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos.

Previamente, Novos Cinemas abrirase coa estrea das curtas realizadas polos estudantes Roberto Alonso, Raquel Álvarez, Daniel Arana, Lara e Noa Castro, Sabela Domínguez, Noemí Parga, Ana Pérez Valdés, Andrea Piñeiro, Yuri Salgado e Mercedes Valero, no marco dun taller coordinado por Jaione Camborda. Trátase, como explicou Novás, dos resultados, dunha das actividades formativas “capitais” do festival, que busca “a conxunción do talento dun ou unha cineasta co talento que pode agromar no campus”. Así mesmo, Daniel Arana e Lara Castro, formarán parte, xunto con Miriam Caminero, Sara López e Carmen Pastoriza, do Xurado Novo deste festival, integrado por cinco estudantes do campus, e responsable de decidir un dos premios deste festival. 

Obradoiros, mesas e encontros

No programa formativo insírese así mesmo o obradoiro que Racaj, “un dos grandes directores de fotografía de España”, impartirá os días 11 e 12 en Belas Artes, e co que o festival “inaugura unha colaboración coa ECAM, a Escola de Cine e Audiovisual da Comunidade de Madrid", explicou Novás. Ademais doutra serie de actividades formativas, como o programa desenvolvido en centros educativos da cidade coa participación das profesoras e expertas en educación plástica Iciar Ezquieta e Begoña Paz, o festival promove tamén, no Museo de Pontevedra, os “encontros entre estudantes de bacharelato, primaria e secundaria” con Camborda e o ex-alumno de Belas Artes David Fidalgo, recentemente nomeado candidato ao Goya á mellor curta de animación. 

Da programación do festival forman parte así mesmo unha mesa de desenvolvemento de proxectos, na que se presentarán diferentes programas de apoio a cineastas noveis, ou a mesa Proxecta, na que participan responsables de diferentes festivais. Estas dúas actividades terán como sede a Vicerreitoría do campus, que acollerá tamén a presentación dos proxectos seleccionados no espazo Lab, que promove o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria, así como dun encontro cos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado. 

Tanto o abono para asistir ás proxeccións de pago do festival, como as entradas individuais poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal a partir de unha hora antes do inicio da sesión.