DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os campus de Vigo e Ourense acolleron unha xornada sobre esta temática

Formación sen estereotipos e corresponsabilidade, vías para mellorar a situación laboral da muller na economía dixital

Tres expertas abordaron como se trasladan á nova economía as discriminacións de xénero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/10/2018

Os campus de Vigo e Ourense acolleron esta semana unhas xornadas que baixo o título Muller e traballo na era dixital tiveron como obxectivo abordar os retos de xénero que supón a economía 4.0. Tres expertas en Dereito do Traballo e da Seguridade Social puxeron o aceno nos riscos de precarización que poden significar as novas formas de traballo para a muller e como se trasladan a elas discriminacións do modelo tradicional.

Organizada por Jaime Cabeza, Marta Fernández, Francisca Fernández Prol e Mª Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, a actividade celebrouse co mesmo programa e relatoras o xoves 18 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo e o venres 19 na Facultade de Dereito de Ourense. Durante a súa inauguración este venres, as responsables da iniciativa presentes, Marta Fernández e Francisca Fernández ,explicaron como esta actividade se celebra no marco do proxecto estatal Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e no que o grupo da Universidade de Vigo desenvolve o subproxecto Os dereitos fundamentais ante o cambio do traballo autónomo na era dixital. Tamén, subliñou Marta Fernández, a iniciativa conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e “visibiliza o compromiso tanto da facultade como do grupo de investigación coa igualdade”. A xornada, recalcou  a decana, “permítenos un achegamento maior á sociedade e sobre todo traballar por unha maior sensibilización no tema que nos ocupa”.

O acceso aos cargos

O obxectivo da xornada, explicaron desde a organización, foi proporcionar ao alumnado presente unha formación complementaria á dispensada no marco da docencia tradicional sobre temáticas de actualidade como o acceso da muller ás novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital, o emprendemento feminino, as autónomas low cost e falsas autónomas no marco das novas industrias dixitais, a pervivencia do sistema patriarcal no marco da economía dixital, a conciliación da vida familiar e laboral nun contexto de traballo dixitalizado ou o teletraballo. Para facelo o programa contou con tres conferencias ofrecidas por expertas de Dereito do Traballo e a Seguridade Social de diferentes universidades.

A sesión arrancou cunha conferencia titulada o Principio de igualdade e non discriminación: o liderado da muller na era dixital, ofrecida por Consuelo Ferreiro, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención abordou como “o teito de cristal maniféstase de forma diferente”. Por unha banda, apuntou, están “as dificultades de acceso ao mercado laboral, que un pouco se van paliando, pero principalmente hoxe en día está a dificultade para desenvolver cargos de responsabilidade, concretamente de alta dirección, na nova economía 4.0”. Así lembrou cifras que apuntan a que as mulleres en España ocuparían arredor do 27% destes cargos de alta dirección, cifra que, indicou, non mellora nas empresas tecnolóxicas. Para Consuelo Ferreiro, a raíz desta situación está “no feito de que hai estereotipos formativos, que as mulleres non tenden a escoller carreiras tecnolóxicas, informáticas ou incluso ciencias que non sexan as da saúde”. Por este motivo, recalcou a importancia de acometer un estudo actualizado “sobre como están accedendo as mulleres ás novas tecnoloxías por idade”.

O impacto da maternidade

A segunda das intervencións correu a cargo de Mª Carmen López, catedrática da Universidad de Murcia, que abordou o novo autoemprego feminino no ámbito dixital analizando “se é unha oportunidade de empoderamento para as mulleres ou se vai supor unha maior precariedade”. Partindo da idea de que o traballo autónomo é “sempre un traballo moito máis precario”, porque non se recoñecen dereitos laborais importantes como o descanso ou a garantía duns ingresos mínimos, a experta subliñou como “emprender é arriscado e especialmente difícil para as mulleres tanto no ámbito tecnolóxico como no tradicional”. Entres as dificultades específicas de xénero, esta experta advertiu do impacto que ten a maternidade e a regulación de prestacións ao respecto. “As autónomas son as titulares dos seus negocios e moitas non teñen persoal empregrado. Cando por exemplo teñen un embarazo de risco moitas teñen que pechar temporal ou definitivamente os seus negocios ou buscar a alguén as substitúa e iso non é fácil”, comentou. Neste panorama, Mª Carmen López subliñou a necesidade de cambiar o regulamento actual de prestacións tanto de maternidade como de paternidade e tanto no traballo autónomo como asalariado, “recoñecendo permisos iguais e intransferibles a ambos proxenitores para garantir a corresponsabilidade e evitar así que as mulleres acaben sendo as destinatarias fácticas das medidas de conciliación”.   

Para rematar a xornada, o alumnado asistente puido escoitar a Eva María Blázquez, profesora titular da Universidad Carlos III de Madrid, que falou de Industrias dixitais, teletraballo e conciliación da vida familiar e laboral. Durante a súa intervención avogou por cambiar o concepto de conciliación da vida familiar e laboral polo de corresponsabilidade, “que significa que homes e mulleres teñen que entrar na dinámica de conciliar”. Así, lembrou como a habitual redución de xornada da muller ante as dificultades de conciliación, e que supón tamén unha redución de salario e de prestacións, provoca na práctica “que logo que ata os 12 anos do fillo ou filla non volva a promocionar e fai que as carreiras das mulleres se estanquen”. Eva María Blázquez avogou por acadar que “todos, homes e mulleres, estean na mesma roda” a través da aposta pola flexibilidade de horarios nas empresas nas que sexa viable a súa aplicación. Esta flexibilidade para todos e todas, apuntou, “faría que as cargas familiares non se visen como unha traba” e daría ás mulleres outras opcións fronte á redución de xornada. Neste senso tamén abordou durante a súa intervención as vantaxes e desvantaxes do teletraballo, apostando por unha vía intermedia na que se poida facer cando se precise pero na que tamén sexa posible “conectar cos compañeiros e compañeiras na oficina”.