DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario busca afondar no fenómeno da desinformación e os seus efectos na sociedade

A formación, único tratamento preventivo fronte ás noticias falsas

Inserido nas actividades de formación permanente do profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/09/2022

Convertida nun problema global, a difusión de noticias falsas a través das redes sociais ou das plataformas de mensaxería pode combaterse desde diferentes ámbitos, mais só a formación da cidadanía e a súa alfabetización dixital permiten facerlle fronte antes da súa propagación. Con esta idea como punto de partida, o grupo de innovación docente Dixitais, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coordina o II Seminario de Alfabetización contra a Desinformación, un curso inserido nas actividades de formación do profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade. A través das conferencias virtuais de tres especialistas neste ámbito e doutra serie de materiais, esta actividade busca contribuír á comprensión do fenómeno da desinformación, os seus efectos na sociedade e os seus mecanismos de propagación, así como os principais recursos para facerlle fronte.

“Entendemos que unha das principais maneiras de combater a desinformación é formando á xente para que, cando reciba uns contidos que indiscutiblemente vanlle chegar, teña máis ferramentas para defenderse deles”, salienta o profesor Alberto Dafonte, coordinador deste seminario xunto cos docentes Mabel Míguez e Javier Abuín. Con matrícula gratuíta e aberta a un máximo de cen persoas, trátase dunha actividade destinada a profesorado, aínda que se quedan prazas vacantes, poderán participar tamén “outros perfís da UVigo”. O período de inscrición permanece aberto ata este venres 23 de abril na plataforma Bubela.

Orientado a mellorar a “competencia dixital e mediática” das e os participantes, este seminario “de carácter divulgativo” busca tanto dar visibilidade á magnitude desta problemática como dotar aos participantes de coñecementos e recursos en materia de selección, análise crítica e verificación da información, xa que, como apunta Dafonte, a educación “é a única medida preventiva” fronte á propagación de boatos e noticias falsas. Coa idea tamén de que as e os asistentes poidan coñecer “que se está facendo” en materia de investigación “sobre este fenómeno e as iniciativas para combatelo”, este curso de dez horas combina tres conferencias de expertos académicos, , que se desenvolverán de xeito virtual a través de Campus Remoto, cunha serie de materiais adicionais na plataforma de teledocencia Moovi.

Inserido nas actividades da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, o seminario vincúlase á súa vez ao proxecto de investigación Narrativas digitales contra la desinformación, que o grupo Sepcom desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación e que ten entre os seus obxectivos contribuír á alfabetización mediática da cidadanía. 

Tres conferenciantes

Nese obxectivo de afondar na natureza e efectos deste fenómeno, o seminario ábrese coas conferencias de dous “expertos de recoñecido prestixio no ámbito do xornalismo dixital”, como salienta Dafonte. A primeira correrá a cargo, o martes 27 de setembro, do catedrático de xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López, director do grupo de investigación Novos Medios, que impartirá un relatorio titulado O papel do xornalismo dixital na verificación de información. Á semana seguinte, a catedrática de Xornalismo da Universidad de Málaga Bella Palomo, directora do grupo de investigación Media & Data Innovation, impartirá unha conferencia titulada Investigar la desinformación con enfoque constructivo: propuesta de transferencia.

Por último, o terceiro dos relatorios estará centrado, como apunta Dafonte, “no proceso de curación de contidos”, que implica a adquisición de “capacidades relacionadas coa busca de información en internet e o filtrado desa información, para a partir de aí elaborar ti o teu propio contido e compartilo”. Coa idea de achegar aos e ás asistentes ferramentas que lles permitan "ter unhas certas rutinas de selección de información”, este último relatorio correrá a cargo do profesor da Universitat de Barcelona Javier Guallar, autor de “varias obras de referencia” sobre este proceso de “curación de contidos”.