DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro dos actos paralelos ao Campionato de Seleccións Autonómicas

A formación do xogador será a temática das "Xornadas Internacionais do Balonmán"

Do 3 ao 5 de xaneiro no Recinto Ferial de Vigo (Ifevi)

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 18/12/2007

Enmarcadas dentro dos actos paralelos ao Campionato de Seleccións Autonómicas nas categorías infantil e cadete, do 3 ao 5 de xaneiro celebraranse en Vigo as Xornadas Internacionais do Balonmán que nesta ocasión versarán en torno á temática A formación do xogador/a como obxectivo. Organizadas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, conxuntamente coa Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña, o Consello Superior de Deportes e a Dirección Xeral para o Deporte, estas xornadas contribúen á formación dos técnicos de base, tendo como finalidade a mellora do proceso de ensinanza -aprendizaxe do xogador.
Xosé María Cancela, decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, comentou que “con esta iniciativa preténdense analizar as dúas vertentes da formación dos xogadores de balonmán, unha primeira desde o punto de vista do adestramento e, por outro lado, analizar como a parte de investigación tamén ten un oco nesta disciplina”.
Estas xornadas pretenden crear un foro de debate e propiciar un lugar para a formación e o intercambio de experiencias que faciliten o desenvolvemento dos técnicos, ademais de promover a creación de relacións entre os diferentes ámbitos de intervención.

Oito sesións de intensa actividade

O evento divídese en oito partes atendendo ás diferentes temáticas nas que afondarán varios profesionais coas súas ponencias. O primeiro día, a partir das 11 da mañá, abriránse as xornadas coa sesión inaugural O adestramento pensado para a formación do xogador, na que hai que destacar a participación de Xesco Espar, adestrador do F.C. Barcelona. A continuación será o turno da sesión Novas perspectivas no adestramento dos xoves xogadores e, para rematar esta primeira xornada, falarase do tema O árbitro como educador nas categorías de formación.
O segundo día comezará baixo a temática Aportacións dende a didáctica que acollerá varias conferencias como a de Gabriel Torres da Universidade da Coruña. A dirección técnica na base será o tema que dará contido á quinta sesión desta iniciativa.
O derradeiro día das xornadas contará con tres partes coas súas correspondentes ponencias. En primeiro lugar, A prevención e a saúde ante todo, afondará sobre as condutas positivas que pode seguir o xogador para manter unha boa forma física. En segundo lugar, Os sistemas de xogo nas categorías base, na que se destaca a participación de Isidoro Martínez da Universidade de León. A oitava sesión, A preparación física: os primeiros pasos, será a ponencia que pechará estas xornadas internacionais.