DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo, A Coruña e Granada promoven en Santiago o XVI Foro Fecies

Un foro sobre a calidade do ensino universitario prevé reunir en Galicia máis de mil profesionais 

Desenvolverase entre o 29 e o 31 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Calidade
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/04/2019

Debater sobre a organización das ensinanzas universitarias, sobre a selección do profesorado, sobre a situación do doutoramento e sobre o proceso de converxencia europea no ensino superior, así como coñecer os plans desenvolvidos por diferentes universidades para potenciar a investigación e diferentes ferramentas para avaliar a calidade da investigación científica, constitúen os propósitos centrais do XVI Foro Internacional sobre a Avaliación da Calidade da Investigación e da Educación Superior (Fecies), que entre o 29 e o 31 de maio se desenvolverá en Santiago de Compostela. Organizado polas universidades de Granada, Vigo e A Coruña, co apoio da Asociación Española de Psicología Conductual (AEPC), trátase dun foro dirixido “a todos os profesionais relacionados coa calidade da investigación da docencia universitaria; un foro que, tendo en conta a afluencia de edicións anteriores, prevé contar “coa participación de máis de mil persoas procedentes de máis de 30 países”, segundo salienta o catedrático da Universidad de Granada e responsable do comité organizador Gualberto Buela.

“Trátase de reflexionar sobre a universidade”, engade Buela dun foro que constituíu, no seu nacemento, o primeiro acto público da Aneca (Agencia Nacional para la Evaluación de la Calidad en la Enseñanza) e que neste 2019 retorna a Galicia por terceira vez, trala edición co-organizada coa Universidade de Vigo en 2007 e a celebrada en Santiago en 2012. En ambos casos, ao igual que nesta edición, o evento conta coa colaboración do grupo de investigación PS1 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que coordina a catedrática Francisca Fariña, quen incide na importancia das temáticas que se abordarán no foro que terá lugar no Mosteiro de San Martiño Pinario,  e no que se porán sobre a mesa cuestións relativas “tanto a como mellorar a docencia e que relación ten esta coa investigación, a como garantir a calidade dos títulos,mellorar a investigación e a innovación e, non menos importante, a transferencia de coñecementos á sociedade”.

Conferencias, debates e preto de 70 simposios

Dez conferencias, tres mesas de debate coa participación de 17 expertos e expertas, sete sesións aplicadas e preto de 70 simposios convidados integran a día de hoxe o programa dun foro que se completará así mesmo coa presentación de comunicacións e pósters, e que terá entre os seus relatores ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen impartirá unha conferencia sobre as dificultades para a captación de talento nas universidades españolas e do que Buela Casal destaca a súa implicación cun foro do que “sempre foi un participante activo”. O anterior reitor da institución viguesa e vicepresidente adxunto da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE), Salustiano Mato, quen abordará o sexenio de transferencia de coñecemento e innovación, figura así mesmo entre os conferenciantes deste evento, xunto co catedrático da Universidade de California Jorge Hirsch, quen presentará o índice que desenvolveu para a avaliación de científicos; o reitor da UDC, Julio Abalde, ou o presidente da Conferencia de Consejos Sociales, Antonio Abril, quen falará do “difícil camiño cara a excelencia universitaria”. Tamén participará como conferenciante a profesora Leticia García Villaluenga, presidenta da Cuemyc (Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto), que colabora tamén na organización dun evento. e quen incidirá neste foro na necesidade dunha “formación de excelencia en materia de mediación e xestión de conflitos”, lembra Fariña, membro da xunta directiva da Cuemyc, unha rede "comprometida cunha formación de excelencia na materia de mediación e xestión de conflitos", que busca promover "os servizos de mediación e convivencia dentrodas universidades para facelas máis saudables e máis eficientes", 

Xunto a estas conferencias, o programa de foro reúne catro sesións de debate nas que se abordarán cuestións  preguntas como se é necesario ser un bo investigador para ser un bo docente, nunha mesa que contará coa participación de seis ex-reitores das tres universidades galegas; ou a carreira investigadora e a implantación do HRS4R nas universidades e centros de investigación, unha mesa coordinada pola vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. O novo sistema de acreditación do profesorado, "un tema de máxima actualidade e que merece unha importante reflexión", sinala Buela, e o papel das bibliotecas universitarias completan os eixos destas sesións de debate. A estas iniciativas súmanse ademais outra serie de sete sesións “cun enfoque eminentemente aplicado, nas que expertos nunha materia ensinan como facer para ter éxito nun ámbito determinado”, como, por exemplo, a presentación dun proxecto de investigación, a redacción dun artigo ou a selección de revistas científicas para publicar, explica Buela. 

Por outra banda, o programa do foro complétase coa organización de 70 simposios convidados, cada un deles coa participación de diferentes especialistas e nos que se abordarán cuestións como a investigación, melloras na docencia, a innovación e a transferencia. “Este último tema é especialmente novidoso e importante, non só pola recente creación dos tramos de transferencia e innovación, senón porque, mentres que a nivel de investigación, España está entre os dez países máis participativos do mundo, en innovación hai máis de 40 que nos superan”, explica o presidente do comité organizador. Universidade e sustentabilidade, nun simposio coordinado pola vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval; ou os indicadores de inserción laboral das persoas tituladas universitarias, baixo a coordinación do ex-reitor Luis Espada, figuran tamén entre as temáticas a abordar nesta serie de simposios. O foro completarase así mesmo coa presentación de traballos como comunicacións escritas, para o que permanece aberto ata este xoves 4 de abril o prazo de presentación de proxectos.