DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a vindeira semana o sétimo simposio da asociación Mutual Images

Un foro de debate internacional para afondar nas relacións culturais entre Europa e Xapón

Organizado polo grupo dx5, reúne unha vintena de especialistas de diferentes países

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/05/2019

As influencias mutuas, a interacción artística e o intercambio cultural entre Oriente e Occidente e, nomeadamente, entre Europa e Xapón, tanto na arte e na estética, como na fotografía, na cultura popular, no deseño e na moda. Estes serán os eixos da análise do sétimo workshop internacional da asociación de investigadores Mutual Images, que os días 3 e 4 de xuño se desenvolverá na sede da Vicerreitoría do campus. Unha vintena de investigadores e investigadoras, procedentes de universidades de España, Xapón Reino Unido, Estados Unidos, Portugal e Líbano protagonizarán un simposio que, da man do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, desenvolverase por primeira vez en España. 

“Mutual Images é unha asociación de investigación interdisciplinar sobre cultura europea e asiática, centrada especialmente nas relacións bilaterais entre Europa e Xapón, que organiza anualmente este workshop de maneira rotatoria entre Europa e Xapón”, explica o investigador do grupo dx5 José Andrés Santiago, coordinador deste foro xunto coas investigadoras do grupo dx5 Ana Soler e Tatiana Lameiro e a presidenta de Mutual Images, Aurore Yamagata. “Pareceunos un evento moi oportuno, primeiro porque o tema de traballo está moi relacionado cos proxectos do grupo, ao a relación entre Xapón e Europa non nos é allea, e logo tamén pola dinámica interdisciplinar que propoñen, que é algo que perseguimos con todos os nosos proxectos”, salienta Santiago deste workshop que coorganizan o grupo dx5 e Mutual Images.

Arte, fotografía, animación, cómic, moda e deseño

Baixo o título de Relations between Japan and the west (artists, aesthetics, artworks), o programa deste evento aberto a todo o público interesado está integrado por 19 relatorios seleccionados polo comité científico de entre as propostas presentadas por investigadores e investigadoras de diferentes países a un evento que “nesta edición abríase a todas as manifestacións artísticas e, sobre todo ao diálogo dunhas artes con outras”, apunta Santiago.

Así a xornada do luns 3 abrirase co bloque de arte e estética, no que investigadores e investigadoras das universidades de Zaragoza, York, Minnesota ou Hiroshima abordarán cuestións como a construción dunha imaxe de Xapón en Europa durante o século XVII, a experimentación arredor da xilografía xaponesa nos séculos XVIII e XIX, a representación de Occidente na literatura de Ryūnosuke Akutagawa ou a influencia do xardín xaponés nas artes visuais durante o pasado século. Esta primeira xornada completarase co apartado dedicado á fotografía, no que Ana Trujillo, da Universidad Pontificia Comillas, e Emily Cole, da Universidade de Oregón,  centrarán as súas intervencións na década de 1930 e na ocupación aliada de Xapón trala segunda Guerra Mundial. 

A xornada do martes 4 porá o foco en primeiro termo no manga e no anime, o cómic e animación xaponesa, coas intervencións de investigadores de Óscar García, da Universitat Pompeu Fabra; do profesor do Political Science Institue de Beirut Karim el Mufti, e do propio Santiago, completándose o apartado dedicado á cultura popular con relatorios sobre tecnoloxía e música. Nun último bloque, Téresa Pérez, da Universidad de Granada, e as investigadoras do grupo dx5 Tatiana Lameiro e Linet Heredia afondarán nas influencias mutuas entre Xapón e Europa no mundo do deseño gráfico mentres que Iria Ros, da Universidad de Valencia, e Sara Martínez, de Vigo, farán o mesmo poñendo o foco no mundo da moda.