DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o informe feito público este martes

O Foro Económico estima nun 2,3% a previsión de crecemento do PIB galego para 2019

A cifra baséase nos datos das entidades que habitualmente realizan estes cálculos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 11/06/2019

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo público este martes o seu Informe sobre as previsións de crecemento para a economía galega para 2019. Nel indícase que a entidade estima nun 2,3% a previsión de crecemento do PIB galego para o ano 2019.

Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, o obxectivo deste informe é triplo: ordena e presenta todas a previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2019; avalía e informa da capacidade preditiva das diferentes institucións públicas e privadas para o período 2015-2018 e por último, e a partir do anterior, o informe ofrece unha previsión baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles para 2019 utilizando para isto diferente información (cuantitativa e cualitativa) ao seu alcance. O informe está asinado por José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Santiago Lago e Patricio Sánchez.

Combinación de información

A previsión do Foro Económico de Galicia deste ano parte da combinación das cifras que ofrecen o Instituto Galego de Estatística, Funcas, BBVA Research e Hispalink tendo en conta a súa capacidade predictiva demostrada nos últimos tres anos, dando máis ponderación a quen atinou máis no pasado. “As institucións que máis se teñen aproximado nos dous últimos anos nas súas previsións ex-ante son o Instituto Galego de Estatística e Funcas, amosando esta última institución un lixeiro nesgo á alza. Pola contra o BBVA Research, Hispalink e AIReF amosaron no ano 2018 un nesgo á baixa”, sinalan desde a entidade.

Como resultado da combinación dos datos ofrecidos por estas entidades, o Foro Económico de Galicia obtén unha media ponderada de crecemento do PIB de Galicia para 2019 que é de 2,6%. “A partir desta cifra, o equipo de conxuntura do foro produce a previsión de consenso do Foro Económico de Galicia, unha previsión que ten en conta o resultado dunha enquisa aos membros natos do foro e a información que proporciona o Indicador Abanca-Foro ata abril deste ano", informan desde a entidade. Froito de todas estas análises, a previsión de consenso que manexa o Foro Económico de Galicia para 2019 é do 2,3%.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, reunindo a un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.