DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun carácter multidisciplinar e de prospección

O Foro Económico pon en marcha o grupo de traballo Galicia 2040

A entidade celebrou na Toxa a súa reunión anual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 10/05/2019

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, celebrou este xoves e venres na Toxa a súa reunión anual. A cita, que congregou a máis de 60 especialistas de diferentes eidos para abordar asuntos de actualidade económica, como as consecuencias do Brexit ou as tarifas viarias, contou na súa segunda sesión coa presentación do grupo de traballo Galicia 2040, entre outras cuestións.

Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia e catedrático da Universidade de Vigo, foi o encargado de presentar o grupo de traballo Galicia 2040. Segundo explican desde a entidade o grupo consiste “nun colectivo multidisciplinar de expertos que farán un exercicio prospectivo”. Trátase, detallou Santiago Lago, “de anticiparse, de expor as medidas para tomar hoxe para acertar no futuro”.

Análises da contorna

A reunión, que contou coa asistencia de Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, incluíu na súa programación deste venres as intervencións de José Luis Escrivá, director da Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIReF), e de José González, conselleiro do Medio Rural. A conferencia de José Luis Escrivá, comentan desde o Foro Económico, “deixou un sabor agridoce sobre a situación económica que atravesa o país”. Así, indican, este experto falou sobre “unha economía máis equilibrada cunha estrutura produtiva máis centrada no investimento de bens comerciables e de equipos e menos no ladrillo e, ao mesmo tempo, cunha estrutura de financiamento máis sa e eficiente”. Con todo, o AIReF, detallan desde o foro, “considera que aumentaron algúns desequilibrios: a débeda e o desequilibrio fiscal e unha alta taxa de desemprego”. Segundo indican desde o Foro Económico de Galicia, na súa intervención José Luis Escrivá sinalou que AIReF estima que se manterá un crecemento sólido por riba do 2% nos próximos anos e que o déficit público pecharase en 2019 cun 2,1% “e por tanto xulga improbable alcanzar o obxectivo do -1,3%”, apuntando que as desviacións concentraranse na administración central e nos fondos da Seguridade Social.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, explican en nota de prensa desde a Xunta de Galicia, salientou que un dos grandes obxectivos da Xunta cara o futuro é crear e consolidar a actividade económica rendible no medio rural galego, incentivando a colaboración con empresarios e investidores e desenvolvendo unha estratexia de recuperación e posta en valor de terras agrarias mediante unha lei específica que está previsto levar ao Parlamento este ano, entre outras iniciativas. Na súa intervención, o conselleiro quixo animar aos representantes do tecido empresarial a apostar polo agro como escenario prioritario para desenvolver actividade económica, pondo en valor os principais indicadores do medio rural en sectores coma o lácteo, o forestal ou o vitivinícola e as oportunidades de investimento que presentan.

Esta segunda sesión da reunión anual do Foro Económico de Galicia tamén incluíu na súa programación unha conferencia de Ana José Varela, directora de finanzas da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE), que segundo indican desde a organización deste evento “leva dous anos en París á fronte dun equipo de cen persoas” e que foi convidada a falar do informe da OCDE para España e sobre as desigualdades económicas entre as rexións. Por último, fíxose unha exposición de balance e perspectivas do Foro Económico de Galicia a cargo de Patricio Sánchez, membro deste órgano e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Nel salientou o “balance positivo” que fai a entidade das súas actividades, que abranguen desde eventos a publicacións, e o seu obxectivo de continuar “na consolidación das actividades e produtos existentes”.