DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun documento sobre a reforma do sistema de financiamento

O Foro Económico sinala que Galicia debe “liderar a nivelación de todos os servizos descentralizados”

O traballo foi realizado por encargo do Parlamento galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 25/02/2022

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este venres o seu documento A reforma do sistema de financiamento: unha perspectiva dende Galicia, encargado polo Parlamento galego e xa entregado. Nel destacan que a comunidade autónoma debe “liderar a nivelación de todos os servizos descentralizados como fórmula para garantir a equidade entre todos os españois e asegurar o autogoberno”. A presentación tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, e foi realizada polo grupo que elaborou o documento: os economistas Santiago Lago e Alberto Vaquero (Universidade de Vigo) e Xoaquín Fernández Leiceaga e María Cadaval (USC).

Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, as estatísticas da OCDE amosan que España é o país da Unión Europea cunha maior descentralización tributaria. Porén, detallan, “necesítanse axustes de natureza técnica para garantir que a autonomía se poida exercer de forma suficiente e clara para os cidadáns”. Neste senso, no documento presentado os expertos do foro desbotan o sistema de concerto, “xa que leva ao goberno central á renuncia do seu poder fiscal nunha parte do territorio”. No caso de Galicia, os economistas “consideran que non sería positivo porque reduciría os fluxos fiscais que benefician á comunidade”.

O documento salienta a necesidade de que “Galicia lidere a defensa do retorno á nivelación de todos os servizos públicos descentralizados”. Esta nivelación, detallan os seus autores, “encaixa cunha concepción ampla da equidade entre todos os españois, e porque é o que posibilita que a autonomía política e o autogoberno sexan compatibles coas capacidades de prestar servizos públicos similares en toda España, con respecto á igualdade do esforzo fiscal realizado polos cidadáns”.

Proposta do Ministerio

No que atinxe á proposta do Ministerio de Hacienda remitida ás comunidades autónomas en decembro de 2021 para a súa discusión, os autores do documento fan tres consideracións que afectan ás dúas novas variables incorporadas; isto é, aos custes fixos e ao despoboamento. En primeiro lugar, comentan, “se aumenta o número de factores adicionais ao da poboación, o razoable é que aumente tamén o peso global do conxunto das variables correctoras. Do contrario, dilúese o efecto das preexistentes (espallamento poboacional, insularidade e superficie)”. Os expertos consideran que as novas correccións non poden supoñer, en ningún caso, unha redución do efecto das xa existentes.

En segundo termo, recolle o documento sobre a proposta de reforma feita polo Ministerio, “percíbese unha notable discrecionalidade no caso da nova variable de despoboamento. Esta concentraríase en catro comunidades autónomas porque os seus valores de densidade están por debaixo da media e arredor de 25-27 habitantes /km2”. En realidade, indican desde o Foro Económico de Galicia, “o que se está a facer é “sobreponderar” unha variable que xa está no modelo: a superficie. Isto é evidente ao comparar as comunidades autónomas gañadoras ca incorporación desta variable: Castela-A Mancha, Castela e León, Aragón e Estremadura, coas catro comunidades autónomas máis extensas, á marxe de Andalucía”.
En terceiro lugar, os expertos do Foro Económico de Galicia destacan que “o xeito de se aproximaren aos costes fixos tampouco é razoable nin aceptable de ningún modo ao limitar o seu impacto a aquelas comunidades autónomas con menos de dous millóns de habitantes. É evidente que os costes fixos existen para todas as comunidades”. A única forma de introducir estes costes no modelo, sinalan, “é a través dunha contía que sexa idéntica para todas as comunidades autónomas de réxime común, de xeito que cada unha delas se leve 1/15 do total asignado”.

Fondo de Liquidez Autonómica

No estudo feito polo Foro Económico de Galicia considérase que deben procurarse “fórmulas que permitan metabolizar a débeda acumulada aos gobernos máis endebedados e evitar a condonación e/ou os incentivos perversos, polos agravios comparativos que provocaría”. Así, detállase no texto, “trátase, para os territorios máis endebedados, de ampliar os prazos de devolución (50 anos ou máis) e garantir tipos de xuro por baixo do 1%”. Como derradeiro punto, os autores do informe propoñen unha revisión “razoable” do importe global e regras de reparto dos importes recibidos dende o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así, afirman, “Galicia podería recibir preto de 300 millóns anuais, contra os 200 millóns anuais que recibía antes da crise. Cabe lembrar que nos presupostos da Xunta do 2021 son menos de 50”.