DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Especialistas de diferentes países participan nun simposio na Vicerreitoría do campus

Un foro internacional sitúa Pontevedra no mapa dos estudos sobre animación xaponesa

Promovido polo grupo dx5, busca analizar estes produtos desde diferentes perspectivas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/03/2019

Aínda que constitúe unha das principais manifestacións culturais de Xapón, en España “non hai unha traxectoria de estudos sobre anime", a animación xaponesa, unha industria cultural cuxos produtos son consumidos en todo o mundo, explica José Andrés Santiago, investigador do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes e director do V Foro Internacional de Creación na Fronteira, que este xoves e venres reúne en Pontevedra a especialistas neste eido chegados de universidades de Xapón, Suecia, Reino Unido, Hungría e Turquía. Baixo o título de Anime. Unha perspectiva transdisciplinar, este foro busca “situar a Pontevedra no mapa” dos estudos sobre este produto cultural, abordando a animación xaponesa desde  perspectivas como as artes, a literatura, a socioloxía ou a antropoloxía. 

Inserido no proxecto de investigación Explorando nuevos territorios gráficos desde una perspectiva transdiciplinar. Cómic de campo expandido, el hiperlibro de artista y teorías animéticas contemporáneas, financiado polo Ministerio de Economía, este simposio forma parte dunha serie de foros que promove o grupo dx5 (digital & graphic art research). “Interésanos o que está na fronteira, levamos varios anos interesándonos por preguntas que están en torno á gráfica”, salientou súa a investigadora, Ana Soler, no acto de apertura, no que tamén participou o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, e José Andrés Santiago.

Doce expertos e expertas de diferentes campos e procedente das "mellores universidades con estudos sobre anime do mundo" exercen de conferenciantes dun foro que, como explicou Santiago, terá como resultado a publicación de todos os relatorios traducidos en castelán. O coordinador deste foro lembrou así mesmo que o punto de partida deste evento foi a súa estadía de dous anos, como investigador posdoutoral, na Kyoto Seika University, onde entrou en contacto con boa parte dos conferenciantes, á vez que incidiu en que o enfoque destas xornadas é acorde co “espírito de interdisciplinaridade que propugna o campus de Pontevedra e que desde o grupo dx5 sempre intentamos promover”.

Un “momento doce” para manga e anime

A conferencia inaugural deste foro correspondeu a un representante da industria, ao responsable da principal empresa de tradución de manga anime de España, Daruma, Marc Bernabé, quen abordou as particularidades que implica a tradución do cómic xaponés. Nese senso, fixo énfase tanto en aspectos propios da tradución da banda deseñada, como “intentar que os textos nos que falan as personaxes soen naturais”, como a cuestións específicas como que o xaponés sexa nalgúns aspectos un “idioma ambiguo” ou as referencias culturais que é preciso adaptar para que sexan comprensibles. O manga, lembrou Bernabé, constitúe unha importante industria cultural no Xapón, onde se publican “máis de 12.000 tomos ao ano”, mentres que en España edítanse preto de 800. Non obstante, sinalou, “o mercado español do manga e o anime está nun clarísimo auxe” e incidiu en que plataformas como Netflix fan que hoxe en día sexa posible acceder a un maior número de contidos de animación xaponesa. "Salvo producións como Sin-Chan, Doraemon ou Dragon Ball Super, non son uns contidos que interesen ás televisións en aberto”, salienta Bernabé, quen incide en que “hai bastantes anos que o anime é un produto cultural exportado a todo o mundo e España non é unha excepción”. De feito, ao seu xuízo, ambos medios viven na actualidade “un momento moi doce” no país. 

Como abordar este xénero desde a investigación?

Na segunda conferencia, a profesora da Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt puxo o foco en como abordar a animación xaponesa desde a perspectiva da investigación, sinalando que “os tradicionais estudos sobre cine” constitúen unha “aproximación que non funciona de todo ben” con estes produtos, xa que levarían, desde a súa óptica, a ver estes produtos como algo “que non ten profundidade, que non é máis que fantasía”. Partindo de aí, sinalou, “a pregunta que témonos que facer é por que a tanta xente lle gusta o anime”, e subliñou que se trata dun produto cultural cun “potencial estético, que é divertido” e no que os espectadores recoñecen “cousas sobre a súa vida e sobre as súas propias relacións”, á vez que se caracteriza por un ritmo e unha narración seriada que fai máis apropiado unha aproximación “desde os estudos sobre televisión”.

Este foro internacional contou tamén coas intervencións da investigadora Alba Torrents, quen abordou a estética e materialidade técnica na animación xaponesa, da profesora e codirectora do Centro de Arquivos para Estudos sobre Anime da Niigata University Minori Ishida, quen falou esta tarde da conservación dos materiais xerados na produción de animación, e do investigador da Academia das Ciencias de Hungría Zoltan Kacsuk, que abordou a dicotomía do concepto manga como estilo e como produto feito en Xapón. Esta primeira xornada contou tamén coas intervencións da profesora universidade xaponesa de Ryukoku Jessica Bauwens, quen abordou o anime desde unha perspectiva de xénero; a investigadora da Universidade de Tohoku Olga Kopylova, quen falou do papel do manga como fonte de contidos para a animación, e do profesor da universidade británica de Hull Manuel Hernández. Xa o venres, o evento complétase coas conferencias de Ida Kirkegaard, investigadora da Universidade de Estocolmo; do profesor da Universidade de Hosei Stevie Suan; da profesora da Universidade do Bósforo Selen Çalık, quen porá en relación anime e videoxogos, e do propio Santiago, que se centrará nas co-producións hispano-xaponesas da década de 1980.