DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será do 9 ao 11 marzo e, por primeira vez, simultaneará as actividades presenciais coas virtuais

O Foro Tecnolóxico de Emprego incrementa ata case medio cento a participación de empresas e asociacións

Organizado polo alumnado de enxeñaría, na anterior edición recolléronse preto de 800 currículos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 02/03/2022

Tras unha edición totalmente virtual obrigados pola pandemia, o Foro Tecnolóxico de Emprego regresa este ano con máis folgos que nunca, a forza que lle dá ver como a participación de empresas e asociacións se incrementa este ano ata preto de medio cento de entidades. A cita, que acada xa a súa vixésimo segunda edición, será a vindeira semana, do 9 ao 11 de marzo, combinando, por primeira vez na súa historia, as actividades presenciais nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo e a retransmisión virtual, facilitando a participación de todas aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente.

“A todo isto hai que sumar tamén outra novidade, pois este ano colaboran connosco as delegacións de estudantes das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra”, explica a coordinadora xeral desta edición, Ivana Ogando, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, na súa versión en inglés.  É a principal cabeza visible dun equipo composto por 18 mozas e mozos estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo: 12 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, tres de Enxeñería Industrial e outros tres de Enxeñaría de Minas e da Enerxía.

Ás firmas asiduas súmanse outras que se van incorporando

“Na anterior edición do foro recolléronse sobre 800 currículos e este ano esperamos superar esa cifra ante a boa acollida que estamos tendo”, recalca a coordinadora desta edición. Moitas das empresas que participan son asiduas desta xuntanza, fieis a unha cita que naceu no 2001 “organizada polo alumnado para o alumnado”, tal e como eles mesmos se encargan cada ano de subliñar. O obxectivo segue sendo o mesmo: facilitar o achegamento laboral das empresas e asociacións do sector aos futuros titulados e tituladas de corte técnico.

Hai firmas que xa son clásicas e que repiten cada ano (Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nuevo Pescanova…) e outras que se van incorporando: Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como atlanTTic, o Centro de  Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. “Nesta edición quixemos estreitar lazos con quen nos rodea, por iso falamos co centro de investigación, que quedaron encantados coa iniciativa”, apunta Ogando, ao que engade que outra das novidades deste curso é a empresa holandesa T Talent. “Esta participación xurdiu porque o seu fundador e CEO levaba anos vindo con outra empresa e, ante o éxito que ten a súa participación no foro, quixo volver a participar”, explica a estudante.
“Algunhas das empresas que confían todos os anos en nós son centros tecnolóxicos, consultarías ou colexios de enxeñeiros”, explica a coordinadora, ao que engade que “a verdade é que estamos moi agradecidos polo acollemento que temos todos os anos”.

“Moitos dos nosos membros acabaron atopando traballo no foro”

Nesta edición, acompañan a Ivana Ogando en labores de coordinación María Purriños, coordinadora de Comunicación, e Álvaro Vázquez, coordinador de Organización. “Para min a súa axuda é indispensable e síntome moi afortunada de que aceptasen formar parte desta aventura”, agradece Ogando, quen leva participando no foro desde que entrou na Universidade. “Este é o meu cuarto ano, comecei como colaboradora en primeiro de carreira, xa que non coñecía nada do sector máis aló do que se atopa nas noticias”, explica a alumna, ao que engade que se ‘alistou’ no foro, “como din os nosos carteis”, pola curiosidade de saber que buscan as empresas, “desde pequena sempre me gustou aproveitar o tempo en aprender cousas novas, e ter a oportunidade de preguntarlle ás empresas que é o que buscan, polo que o foro pareceume unha moi boa oportunidade”. Nesta liña salienta tamén que “moitos dos nosos antigos membros acabaron atopando traballo no foro, polo que é unha iniciativa que ten éxito”.

Asumir o cargo de coordinadora xeral supúxolle ter que aprender a organizarse moi ben, “xa que todos somos estudantes”; a coordinar un equipo e ter capacidade de adaptación, pero “sobre todo, a saber escoitar, xa que cada persoa ten as súas ideas. Teño a sorte de ter un equipo con moitas ganas de traballar, sen eles o foro non sería posible”.

Inauguración mércores 9 ás 13.00 horas

A inauguración do foro será o mércores ás 13.00 horas no vestíbulo principal da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa; as directoras e director das tres escolas de enxeñaría do campus –Elena Alonso, de Enxeñaría de Minas e Enerxía; Rebeca Díaz, de Enxeñaría de Telecomunicación, e Juan Pardo, de Enxeñería Industrial- e da directora xeral de dirección e colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado.

A clausura será o venres á mesma hora e contará coa participación, entre outros, de David Regades, delegado do goberno na Zona Franca de Vigo.