DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe martes e mañá mércores nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo

O Foro Tecnolóxico de Emprego marca un novo récord de participación empresarial e consolida o seu liderado nacional

A inauguración contou coa participación dun importante número de autoridades académicas e políticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
B. Besadío DUVI 24/02/2026

O equipo organizador do 26 Foro Tecnolóxico de Emprego non buscaba grandes revolucións, pero, pola contra, non foron quen de conformarse e comezaron por renovar toda a súa imaxe corporativa e por simplificar o proceso de inscrición... foi o inicio dun camiño que os levou a marcar un novo récord histórico: alcanzar a participación de 54 empresas participantes, “cunha longa lista de agarda”, e o apoio incondicional de 25 patrocinadores, nove máis ca en 2025. Así o explicou na apertura desta nova cita o coordinador xeral desta edición,  Juan Pontón, unha sesión celebrada no salón de actos da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, e na que estiveron acompañados por numerosas autoridades académicas e políticas que non quixeron perderse o arranque dun encontro que co paso dos anos se converteu “no foro universitario máis relevante da comunidade e un dos máis importantes a nivel nacional”, no que se pon en contacto ás empresas que buscan talento cos estudantes que están a piques de dar o salto ao mercado laboral.

 “Nestes últimos meses logramos multiplicar as visitas á nosa web e o impacto en redes sociais, o que, unido a todo o anterior, demostra que este evento non ten teito”, recalcou Pontón, quen se amosou convencido de que unha vez se peche esta edición -a clausura está prevista para mañá mércores ás 18.30 h- serán quen de anunciar un novo récord, neste caso de persoas asistentes, de currículos entregados, e, o máis importante, de contratos conseguidos”.

Levan meses traballando e esta semana tócalles ver os resultados. As tres escolas cheas de actividades, corredores repletos cos postos das empresas e estudantes participando en cada unha das iniciativas propostas, un ir e vir de persoas, tanto representantes das empresas participantes e dos colaboradores, como de alumnas e alumnos que buscan atopar neste encontro a súa primeira oportunidade laboral.

“O primeiro paso real cara ao mundo profesional”

No acto de apertura todo foron parabéns: do reitor, Manuel Reigosa; dos responsables das súas escolas-Elena Alonso, de Enxeñaría de Minas e Enerxía; José Fariña, de Enxeñaría Industrial, e Rebeca Díaz, da EE de Telecomunicación-; do alcalde, Abel Caballero; da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.

Todas e todos lles deron os seus parabéns porque, tal e como apuntou o reitor, “cada ano cando marchamos do foro pensamos que algo que xa está tan pulido e que ten tanto éxito non pode mellorarse, pero, de novo fixéstelo”. Neste aspecto, fixo tamén fincapé a directora da EET, que exerceu como anfitrioa, remarcando a importancia do “excelente labor” de transmisión de coñecemento que realizan dunha a outra xeración, “de maneira que, entre todos, se está a conseguir algo cada vez mellor”.

De cara ao futuro formuláronlle novos retos e, neste aspecto, foi no que se centrou o alcalde, Abel Caballero, que os animou a pór todo o seu talento ao servizo da sociedade. “Vós sodes os que vos ides encargar dos grandes desenvolvementos tecnolóxicos e tendes que ser quen de conseguir que todo isto repercuta no conxunto da sociedade, que se traduza en avances sociais”, insistiulles o rexedor vigués.

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, non dubidou en referirse a este encontro como o “foro universitario máis relevante da nosa comunidade e un dos máis destacados de toda España” e, nesta liña, non dubidou en comprometer o apoio da Xunta a este iniciativa. “Nestes dous días miles de estudantes atopádesvos cara a cara con empresas líderes que veñen aquí á busca do que máis necesitan: a vosa innovación, a vosa enerxía e a vosa capacidade de transformar o futuro”, subliñoulles Ortiz, referíndose ao foro como “o primeiro paso real cara o mundo profesional”.

Atención personalizada e múltiples actividades

A 26ª edición do Foro mantén a estrutura de éxito de anos anteriores, consolidando actividades como os workshops de temática técnica e de orientación laboral; mesas redondas con responsables de recursos humanos de diferentes compañías; actividades de speed recruiting, onde o alumnado pode practicar entrevistas rápidas con múltiples empresas, e obradoiros nos que os estudantes poden gozar de charlas e actividades centradas nas competencias transversais do seu currículo, como oratoria ou comunicación.

En canto aos postos das empresas están despregados nos vestíbulos e corredores das escolas de Enxeñaría Industrial e Minas e Enerxía. No vestíbulo da EEI nomes como Coren, Profand, Norvento Enerxía, Cortizo, Borgwarner, Deloitte… na 2ª planta Navantia, Accenture, Ecoforest, Oesía, Dinak… En Enxeñaría de Minas e Enerxía, Indra, Televés, Centum, Balidea, Alén Space, Gradiant, Optare… así ata completar a listaxe das 53 firmas participantes desta 26 edición do foro.