DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentouse este venres en Vigo coa participación de Natalia Caparrini e Rebeca Díaz

Forte apoio da UVigo ao plan de Indra para captar talento e crear emprego tecnolóxico en Galicia

Destacouse o papel da colaboración público privada como clave para xerar emprego cualificado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/04/2026

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, e a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P, Díaz, participaron este venres en Vigo na presentación do Plan de crecemento e atracción de talento en Galicia da empresa Indra, un evento no que se reuniron un destacado número de representantes institucionais, académicos e empresariais co obxectivo de reforzar o ecosistema tecnolóxico da comunidade.

Todos coincidiron en pór en valor o compromiso de Indra con Galicia como territorio estratéxico para o desenvolvemento de capacidades tecnolóxicas avanzadas, especialmente en ámbitos como defensa, vixianza electrónica, mando e control e innovación industrial.

Indra-UVigo, exemplo da conexión real entre universidade e empresa

Na súa intervención a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo destacou o papel da institución académica viguesa como axente clave no ecosistema de innovación, destacando a súa achega non só na formación de talento, senón tamén en investigación e transferencia. Puxo así en valor a colaboración con Indra como exemplo de conexión real entre universidade e empresa, con impacto no desenvolvemento tecnolóxico, o emprego cualificado e a retención de talento en Galicia, así como o compromiso da universidade de seguir sendo un axente activo neste proceso. 

“A universidade non só ofrece talento, senón tamén investigación e capacidade de transferencia, elementos clave para acompañar ás empresas nos seus procesos de innovación e desenvolvemento”, destacou a vicerreitora, quen tamén fixo fincapé en que “cando universidade, empresa e territorio traballan de forma coordinada xéranse resultados tanxibles: emprego cualificado, innovación e desenvolvemento e retención de talento”.

Satisfacción pola forte aposta de Indra polo talento formado na EET

Pola súa banda, a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P. Díaz, destacou os fortes vínculos de Indra coa UVigo, reflectidos, sobre todo, a través da Cátedra Indra-Universidade de Vigo. “Os plans de Indra para Vigo e comarca implican unha aposta polo talento que se forma na Universidade de Vigo e, en concreto, polos estudos de enxeñería, dado que fundamentalmente son este tipo de perfís os que precisan”, salientou Díaz, quen participou nunha mesa redonda sobre oportunidades e desenvolvemento profesional na que estivo acompañada pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego  da Xunta de Galicia, Zeltia Lado; a directora da Área de Captación de Talento en Indra Group, Nana Silles, e o xerente de Área e Relación coas Universidades e Cátedras en Indra Group, Jesús Ángel Sánchez.

Díaz amosou a satisfacción de ver como empresas con gran peso no ámbito das telecomunicacións e a ciberseguridade apostan polo talento que se forma na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. “Ademais, e a través da Cátedra Indra, esta aposta inclúe tamén  os estudos de Enxeñería de Telecomunicación a través do patrocinio de diferentes actividades que a escola fai para estudantes pre-universitarios, como é o caso das Olimpíadas de Teleco ou da xornada de Elas FanTIC, orientada a rapazas de primaria, co obxectivo de espertar vocacións temperás para o ámbito tecnolóxico”.

Este ano contratarán 170 persoas de “alta capacitación tecnolóxica”

A directora xeral de Recursos Humanos de Indra Group, María del Carmen Moneva, aproveitou este acto para anunciar que a empresa espera incrementar este ano o seu persoal en Galicia en 170 persoas, con perfís de "alta capacitación tecnolóxica". Así o sinalou ante os medios de comunicación, intre no que tamén confirmou que a empresa xa dispón dun amplo cadro de persoal na rexión galega, con máis de 1.680 profesionais nos seus 14 centros, que se incrementarán nunhas 170 persoas este 2026.

Subliñou, así mesmo, que o grupo ten o foco posto no crecemento no ámbito da defensa e en xerar emprego "tecnolóxico de alta calidade". Preguntada polos perfís máis buscados para este ano, Moneva falou da importancia de captar enxeñeiros/as, perfís tecnolóxicos e de formación profesional, alén de todos aqueles relacionados coa fabricación de compoñentes electrónicos.